Domingo da Palabra

O Papa Francisco, tras recibir numerosas peticións de particulares e asociacións vinculadas á pastoral bíblica, instituíu o Domingo da Palabra de Deus. O obxectivo principal desta nova celebración é estimular aos crentes a comprender a riqueza inesgotable que provén do diálogo permanente de Deus con todos os seres humanos, posto de manifesto particularmente no desenvolvemento progresivo da historia de salvación vivenciada polo pobo elixido e testemuñada nas Sagradas Escrituras.

A Sagrada Escritura realiza a súa función profética sobre todo en quen a escoita. Impúlsanos a compartila con quen atopamos na vida; comprobamos o difícil que é para nós vivila de maneira coherente.

Outra interpelación da Sagrada Escritura refírese á caridade. Escoitar a Escritura é practicar a misericordia, ábrenos os ollos para saír do noso individualismo e maniféstanos o camiño do compartir e da solidariedade.

Trátase de que o domingo dedicado á Palabra faga crecer no pobo de Deus a familiaridade relixiosa e asidua coa Sagrada Escritura.

[Subsidio litúrxico]

Celebracións ecuménicas

Por oitavo ano consecutivo as Igrexas Ortodoxa, Evanxélica e Católica da cidade de Lugo compartirán unha CELEBRACIÓN ECUMÉNICA. Será o domingo, día 26, ás 17.30 h na igrexa de San Francisco Xavier de Lugo. A continuación, convídasea os participantes a compartir un ágape no Salón Parroquial.

O sábado, 25, a parroquia da Estación de Monforte celebra tamén un acto ecuménico ás 19 h.

Estes encontros organízanse con motivo da Semana de Oración  pola Unidade dos Cristiáns, cuxo lema fai referencia a un episodio da vida de san Paulo cando vai de Palestina a Roma porque apelara ao tribunal do César. Ía con algúns prisioneiros máis, custodiado por soldados. A nave naufraga e son socorridos en Malta con verdadeira humanidade polos nativos da illa. No libro dos Feitos (28, 2) coméntase: «Os insulares mostráronnos unha humanidade pouco común». Un relato de gran actualidade polas travesías dos emigrantes e refuxiados en busca de porto seguro no Mediterráneo.

Encontro da pastoral penal de Galicia

O sábado 18 de xaneiro na Casa de Exercicios de Santiago de Compostela tivo lugar o VII Encontro interdiocesano de pastoral penal de Galicia. Este ano baixo o lema “Aprendendo a incluír” e coa asistencia do arcebispo compostelán Mons. Julián Barrio

A xornada iniciouse cun intre de oración e unhas palabras do bispo de Ourense Mons. Leonardo Lemos, para quen “non abonda que a Administración funcione ben, que funciona; os voluntarios acollen, acompañan, escoitan… Isto último é moi importante como paso previo ao diálogo”. Tamén sinalou que toda a dinámica xorde dos corazóns dos voluntarios tendo un punto de referencia: Xesucristo.

María Yela García encargouse dos relatorios “Ferramentas do Voluntariado de Pastoral Penal antes, durante e trala prisión”. Ela foi psicóloga do corpo superior de Institucións Penitenciarias e actualmente é Delegada da Pastoral Penal de Madrid. Nunha das súas intervencións, María Yela enumerou os puntos que identifican aos voluntarios da pastoral penal:

– Esperanza no cambio, ser axentes de perdón, de anuncio, axuda, gratuidade.

– Son testemuñas do encontro con Xesús

– Son o evanxeo que os demais coñecerán

– Non hai un encontro só entre dous senón entre tres: voluntario, persoa coa que está o voluntario (preso, vítima, familiar…) e Deus.

De esqda. á dta: Xoaquín Campo, María Yela, Mons. Julián Barrio e Mons. Leonardo Lemos

Encontro interdiocesano de pastoral penal

O sábado 18 de xaneiro na Casa de Exercicios de Santiago de Compostela ten lugar o VII Encontro interdiocesano de pastoral penal de Galicia. Este ano o lema é “Aprendendo a incluír”. O programa é o seguinte:

  • 10 h Acollida

  • 10:30 Oración

  • 10:45 h Primeiro relatorio: Ferramentas do Voluntariado de Pastoral Penal antes, durante e trala prisión (1ª parte), por María Yela García, psicóloga do corpo superior de Institucións Penitenciarias e Delegada da Pastoral Penal de Madrid.

  • 11: 50 h Descanso

  • 12: 15 h Segundo relatorio: Ferramentas do Voluntariado de Pastoral Penal antes, durante e despois da prisión (2ª parte), por María Yela García

  • 13:15 h Celebración eucarística

  • 14 h Xantar

  • 16 h Diálogo aberto coa relatora

  • 17 h Final da xornada

Poden inscribirse nesta xornada persoas vinculadas ou non ao labor pastoral penal; abonda con ter interese polo tema e contactar con José Río Ramilo no correo jrmil@hotmail.com

Día dos catequistas nativos

O luns 6 de xaneiro, solemnidade da Epifanía do Señor, a Congregación para a Evanxelización dos Pobos celebra o Día dos catequistas nativos, que en España difunde o Instituto Español de Misións Estranxeiras (IEME), que tamén celebra o seu día. A finalidade do IEME é ser unha canle misioneira do clero diocesano para levar cabo a Misión da Igrexa. Este ano o lema é “Laicos en misión: bautizados e enviados” e agradécese a Deus pola riqueza que supoñen tantos laicos.

Os laicos responsabilizaranse das comunidades para congregar e animar a fe. Que o sacerdote chegue cando poida chegar, pero que a comunidade non deixe de reunirse e de camiñar na fe coa axuda dos laicos -homes e mulleres- que hai nas parroquias. Este tería que ser xa o gran agasallo de Reis.

A %d blogueros les gusta esto: