Durante este mes de marzo é posible inscribirse no XLII Curso Rexional de Pastoral da Saúde que baixo o título Acompañar na soidade desenvolverase na Hospedaría San Martiño Pinario de Santiago de Compostela os días 17 e 18 de abril. Destinatarios deste Curso son coidadores e familiares dos enfermos, profesionais da saúde, voluntarios e grupos parroquiais, comunidades relixiosas, sacerdotes e seminaristas. Intervirán, entre outros, Xosé Luis Barreiro Rivas e José Luis Méndez Jiménez.
Para inscribirse é necesario contactar co delegado diocesano de Pastoral da Saúde: Jorge Vázquez Freire (jorvazfre@yahoo.es)
PREZOS: A matrícula, 15 euros; cea ou comida externos: 10 euros
Matrícula + pensión completa en habitación individual: 65 euros por persoa (55 € en habitación dobre)
Ao comezo do curso abonarase o importe da matrícula e a estancia.
Tiven a sorte de asistir ao Congreso de Laicos co grupo da Diocese de Lugo, e desde a miña pertenza a Misevi (Misioneiros Segrares Vicencianos), tocoume acompañar nunha das liñas temáticas do primeiro anuncio: Países de Misión, onde Misevi compartía a súa experiencia.
Poder compartir desde a asociación e a diocese é algo de agradecer ao Espírito, xa que ás veces no noso modo de vivir a fe, parecería que facemos incompatible a nosa pertenza á parroquia ou á diocese, coa pertenza a un determinado grupo ou asociación.
Creo que este simple feito recolle moitas das palabras que soaban forte no Congreso: sinodalidade, comunidade, forza do Espírito, a misión do laico, Igrexa en Saída.
Para min foi unha alegría, que se reflexionase sobre o laico misioneiro, en países de misión. Saíron liñas de reflexión moi interesantes, como o recoñecemento que nos debe a Igrexa a todos os niveis aos laicos misioneiros, a corresponsabilidade no envío, a necesidade de dar a coñecer esta vocación concreta. Espero que o documento final, onde se nos van a lanzar os retos podamos ver estas pinceladas sobre a misión.
E como laica da miña diocese, vexo tamén unha clara chamada a darlle a isto un aire novo, este é o noso momento!!! Así que toca saír de vellos esquemas, e desánimos e tratar de darlle un pouco de vida ao apostolado segrar de Lugo. Botamos de menos a moita xente, neste grupo que representabamos aos laicos de Lugo, e quizá sexa o momento de xuntarnos, e ver realmente como vivir este pos-congreso, como tomar os retos que os laicos de España lanzan. Así que o Espírito pronto nos chamará a todos, abramos o corazón, e deixémonos guiar, porque de nós depende que a reflexión deste Congreso, non sexa unha reflexión máis, senón que sexa unha faísca que reavive o noso ser laicos.
O 20 de febreiro, con motivo do II centenario do falecemento de Santa Jacinta Marto faise a segunda edición do rosario mundial. Santa Jacinta Marto foi testemuña das aparicións da Virxe en Fátima. O lema desta ocasión é “Fai sorrir á Virxe”, con catro intencións de oración: pola paz, pola vida, pola familia e polos sacerdotes. A Basílica da Nosa Señora de Guadalupe en México é o santuario mariano que acolle os eventos centrais. Espérase a participación de millóns de persoas como ocorreu na primeira edición. A xornada está prevista que se inicie ás 17:00, hora local en México, e desenvolverase a través de tres momentos: Adoración Eucarística desde o Santuario de Guadalupe ao mundo, con transmisión en directo por diferentes medios de comunicación; o rezo do Santo Rosario durante a Adoración ofrecendo cada misterio por cinco intencións: polos nenos, polos mozos e adolescentes, polos esposos, pola vellez e polos sacerdotes. O Rosario realizarase en varios idiomas; e a Consagración ao Sagrado Corazón de Xesús e ao Inmaculado Corazón de María a través do método de San Luís María Grignion de Montfort. Adhesíóns na web de Mater Fátima.
Do 14 ao 16 de febreiro ten lugar en Madrid o Congreso Nacional de Laicos “Pobo de Deus en saída”, con 5 claves:
escoitar ao laicado,
sinodalidade e corresponsabilidade,
discernimento á luz da Palabra,
promover unha cultura de encontro e
impulsar un laicado en saída.
Trátase de transmitir unha mirada de esperanza ante os desafíos da nosa sociedade, vivindo a fe cristiá con alegría.
Ademais da participación directa dun grupo de persoas da Diocese de Lugo, ao resto dos diocesanos pídeselles sintonizar cos traballos do Congreso, uníndose en oracióne dispoñendo o ánimo para acoller as liñas de acción que xurdan. Deste xeito contribuirase a dinamizar a todo o Pobo de Deus que peregrina na Diocese de Lugo e en toda España.
O 8 de febreiro é o Día Mundial de Oración e reflexión contra a Trata. Con tal motivo o Grupo Intereclesial contra a Trata e a Comisión Episcopal de Migracións lembra o sufrimento que supoñen as modernas formas de escravitude. E denuncia a complicidade coa que a sociedade tolera e mantén todo tipo de trata: explotación sexual, laboral, tráfico de órganos, mendicidade, matrimonios forzados, comisión de delitos… ou calquera outra forma de explotación.
O 8 de febreiro é Santa Xosefina Bakhita, patroa das vítimas de trata. O exemplo da súa vida foi usado na encíclica Spe salvi (Benedito XVI) para falar de esperanza. A súa mensaxe de perdón e misericordia segue vixente nos nosos días. Bakhita déixanos un testamento de perdón e misericordia.