Instituído o ministerio laical de catequista

Desde esta semana queda instituído o ministerio laical de catequista a través da carta apostólica en forma de “motu proprio” Antiquum ministerium do Papa Francisco, cuxo esquema é o seguinte:

1. “O ministerio de catequista atópase xa nos escritos do Novo Testamento”

2. “Recoñécese este servizo como unha expresión concreta do carisma persoal”

3. “Homes e mulleres animados por unha gran fe e auténticas testemuñas de santidade que, nalgúns casos, foron ademais fundadores de Igrexas e chegaron mesmo a dar a súa vida”

4. “O rico ensino do Concilio Vaticano II impulsa unha notable renovación da catequese”

5. “Fidelidade ao pasado e responsabilidade polo presente son as condicións indispensables para que a Igrexa poida levar a cabo a súa misión no mundo”

6. “O catequista é ao mesmo tempo testemuña da fe, mestre e mistagogo, acompañante e pedagogo que ensina en nome da Igrexa”

7. “O ministerio laical de catequista dá maior énfase ao compromiso misioneiro, sen caer en ningunha expresión de clericalización”

8. “Requírese que estean dispostos a exercer o ministerio onde sexa necesario, e animados por un verdadeiro entusiasmo apostólico”

[Ler carta apostólica do Papa]

Xornada Mundial da Educación Católica

O 13 de maio celébrase a Xornada Mundial da Educación Católica, promovida por institucións educativas católicas. Foi instituída no Congreso da OIEC – Office International de l’Enseignement Catholique (Brasília, 2002), para chamar a atención sobre a contribución que as institucións educativas poden ofrecer ao desenvolvemento global e á promoción dunha cultura de paz e fraternidade.

No contexto do Pacto global para a educación promovido polo Papa, a OIEC, relanza esta Xornada en colaboración con outras organizacións educativas.

O obxectivo da Xornada Mundial da Educación Católica é facer presente a educación católica na pregaria, agradecendo o compromiso dos educadores e buscando facer coñecer mellor a tarefa educativa tan importante que desenvolven as institucións católicas no mundo. Trátase de reflexionar, recoñecer e celebrar a educación católica como signo de esperanza.

Pascua do Enfermo

Baixo o lema “Coidémonos mutuamente” a Igrexa en España celebra o 9 de maio a Pascua do Enfermo.

En liña coa mensaxe do Papa Francisco, os bispos españois destacan a importancia deste momento para brindar unha atención especial ás persoas enfermas e a quen coidan delas, tanto nos lugares destinados á súa asistencia como no seo das familias e as comunidades. En particular ás persoas que sofren en todo o mundo a pandemia do coronavirus, así como aos máis pobres e marxinados.

Xornada de Oración polas Vocacións e Xornada de Vocacións Nativas

No IV Domingo de Pascua, lémbrase que Xesús é o Bo Pastor e a Igrexa celebra a Xornada Mundial de Oración polas Vocacións e a Xornada de Vocacións Nativas, co lema “Para quen son eu?”. É unha chamada para recoñecer para que estamos feitos, que sentido ten o noso paso por este mundo, que proxecto ten o Señor para cada un. El quere que todos, segundo a vocación á que nos chama, testemuñemos coa nosa vida que El é o Señor.

Dun xeito especial, pídese a Deus que suscite vocacións ao sacerdocio e á vida consagrada, que estas tamén xurdan abundantes nos países de misión e que non lles falten os medios necesarios para desenvolverse.

As dúas Xornadas falan do don do amor de Deus. Un don que é unha tarefa, un amor que se recibe, e, á vez, un amor que se entrega con absoluta xenerosidade.

Neste mundo cheo de oportunidades, non todos teñen as mesmas. Responder a Deus significa poder discernir a súa chamada e ter os medios suficientes pero nalgúns lugares falta ata o máis imprescindible para que as vocacións vaian adiante. Trátase de ofrecer oracións e apoio para que nos territorios de misión non se perda ningunha vocación.

Cos donativos recibidos axúdase a que moitos candidatos ao sacerdocio e á vida relixiosa poidan perseverar e prepararse axeitadamente para servir ás súas novas Igrexas. Tamén, a que sexa posible manter ou construír seminarios e casas nas que poidan formarse.

[Materiais]

Síntese final do foro «Cara a un novo currículo de Relixión»

O xoves 22 de abril preséntase a síntese final do foro «Cara a un novo currículo de Relixión. Un diálogo entre todos e para todos». Con ocasión da recente reforma da lei educativa, que fará necesario actualizar os currículos, a Comisión Episcopal para a Educación e Cultura realizou un debate en varias sesións sobre as cuestións que deben terse en conta na revisión do currículo de Relixión Católica, e agora froito dese debate ofrece algunhas conclusións.

O xoves 22 de abril, de 18h a 18.30h, o presidente da Comisión Episcopal para a Educación e Cultura, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo, e a directora do Secretariado, Raquel Pérez Sanjuán, son os encargados da presentación en streaming da Síntese.

A %d blogueros les gusta esto: