Rezar un minuto pola paz o 8 de xuño

O Papa Francisco convida os fieis de todo o mundo a participar o martes 8 de xuño ás 13 horas da iniciativa de oración “Un minuto pola paz”, que neste ano 2021 está adicada a orar por Terra Santa e polo país asiático de Myanmar.

En Terra Santa o conflito bélico entre Israel e Hamás agudizouse en maio. É considerado o peor que houbo desde 2014.

En diversas zonas de Myanmar hai enfrontamentos entre o exército nacional e os grupos de resistencia, desde o golpe militar do 1 de febreiro de 2021.

Segundo Acción Católica “Un minuto pola paz” é unha proposta simple, masiva, testemuñal para ofrecer a oración e asumirnos como promotores de paz.

Un minuto pola paz” naceu o ano do histórico encontro entre o Papa Francisco e os presidentes de Israel e Palestina, nos xardíns do Vaticano en 2014, como signo de esperanza que hoxe segue reclamando acordos de paz.

Xornada Pro Orantibus

«A vida contemplativa, preto de Deus e da dor do home» é o lema deste ano da Xornada Pro Orantibus, que a Igrexa celebra na solemnidade da Santísima Trindade, o domingo 30 de maio.

Os bispos da Comisión Episcopal para a Vida Consagrada, organizadora desta Xornada, na mensaxe subliñan a importancia da vida contemplativa «que sofre cando o mundo sofre porque o seu apartarse do mundo para buscar a Deus é unha das formas máis fermosas de achegarse a el a través de El».

[Materiais]

O venres 28 de maio de 16:30 a 18 h celébrase un coloquio en liña titulado «A vida contemplativa, preto de Deus e da dor do mundo» organizado pola Comisión Episcopal para a Vida Consagrada, Confer, Cedis, ITVR e a colaboración de Católicos en rede. Interveñen:

  • P. Carlos Gutiérrez, Prior de Sobrado dos Monxes.

  • M. Mª Dolores Domínguez, Carmelita Federal

  • Sor Nazaret, Clarisa. Mosteiro de Monzón.

  • Frei Angel Abarca, Mosteiro de Silos.

  • Irene Pozo, xornalista de COPE-TRECE.

Pode seguirse por youtube

Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar

O sábado 22 de maio ás 20:30 h na parroquia de San Francisco Xavier (Lugo) celébrase a Vixilia de Pentecoste. Tratará de recoller dun xeito oracional e vivencial o camiño formativo coa Fratelli Tutti que organiza a Delegación de Apostolado Segrar de Lugo. Desde hai varias semanas a devandita Delegación vén realizando un itinerario de formación desde a Fratelli Tutti vista desde 5 claves: chamada a vivir o modelo do BO SAMARITANO; crear un modelo económico onde se busque o ben común; migrantes, un corazón aberto ao mundo; un mundo sen guerra; e diálogo e reconciliación.

Na celebración do Día do Apostolado de Segrar e da Acción Católica búscase que as mensaxes de Fratelli Tutti impulsen ao mundo laical da Igrexa que peregrina en Lugo a deixarse mover pola forza do Espírito Santo que sempre arrasa os medos e fortalece o servizo fraterno. Facer vida tendo en conta que “os soños se constrúen xuntos” desde unha Igrexa sinodal.

[Materiais]

Xornada Mundial das Comunicacións Sociais

O domingo 16 de maio, Solemnidade da Ascensión do Señor, celébrase a Xornada Mundial das Comunicacións Sociais. Na Mensaxe escrita para a ocasión, o Papa Francisco inspírase na invitación de Xesús aos discípulos “Vide e veredes” (Xn 1,46), e insiste en «comunicar atopando ás persoas onde están e como son».

O Papa advirte que se corre o risco de contar a pandemia, do mesmo xeito que todas as crises, «só cos ollos do mundo máis rico», de levar unha «dobre contabilidade». O pontífice advirte do risco dunha información sempre igual, exhortando a ir «onde ninguén vai». Anima a porse en marcha con paixón e curiosidade, de saír «da cómoda presunción do xa coñecido».

[Subsidio litúrxico]

15 de maio, Día do mundo rural

Os Movementos Rurais Cristiáns, desde a súa opción por seguir a Xesucristo, apoiándose no Maxisterio Social da Igrexa, reflexiona sobre os valores rurais, como o da solidariedade, que neste momento difícil, ven como necesarios para poder acabar co COVID-19.

Desde o material preparado para a celebración deste día, ante un problema tan grande como é unha pandemia ínstase a non deixarse levar polo desánimo, senón ter en conta que sempre se atoparán camiños por onde traballar para paliar os problemas, e para que a vida sexa vivida desde un punto de vista máis humano e máis fraterno.

O domingo 16 ás 9:45 h o “Informativo Diocesano” que se emite en Cope Lugo está adicado a esta temática do mundo rural, sobre a que falan o sacerdote do Páramo, José Manuel Castro Alba e o Vicario de Coordinación Pastoral Luis Manuel Rodríguez.

[Manifesto]

A %d blogueros les gusta esto: