Xornada Mundial do Enfermo

A Igrexa celebra o 11 de febreiro, festividade da Nosa Señora de Lourdes, a Xornada Mundial do Enfermo. 

«Acompañar no sufrimento» é o lema que propón o departamento de Pastoral da Saúde para esta Xornada instituida hai 30 anos por san Xoán Paulo II para sensibilizar sobre a necesidade de asistir aos enfermos e a quen os coidan.

O papa Francisco, na súa mensaxe, lembra con agradecemento que neste tempo avanzouse bastante, pero, puntualiza, «aínda queda moito camiño por percorrer para garantir a todas as persoas enfermas, principalmente nos lugares e nas situacións de maior pobreza e exclusión, a atención sanitaria que necesitan, así como o acompañamento pastoral para que poidan vivir o tempo da enfermidade unidos a Cristo crucificado e resucitado».

OUTRAS DATAS

  • A Asemblea anual ordinaria da Hospitalidade Diocesana de Lourdes, correspondente ao actual ano 2022, celebrarase o día 6 de maio, data na que tamén comeza a inscrición para a peregrinación diocesana a Lourdes.
  • A Campaña de Pastoral da Saúde conclúe o 22 de maio, cando a Igrexa en España celebrará a Pascua do Enfermo.

Xornada Mundial de Oración e Reflexión contra a Trata de Persoas

O día 8 de febreiro, Santa Xosefina Bakhita, celébrase a Xornada Mundial de Oración e Reflexión contra a Trata de Persoas. Unha xornada promovida pola Unión Internacional de Superiores e Superioras Xerais (UISG), e coordinada por Talitha Kum, rede internacional fundada pola UISG e comprometida contra a trataa de persoas.

O lema escollido para este ano 2022, sen deixar o tema central do pasado ano 2021, “Economía sen trata de persoas”, pon o foco na forza do coidado. Un coidado con rostro feminino, onde a muller adquire un papel significativo. Trátase dun chamamento ás mulleres para ser axentes de transformación desde a forza do coidado, cara ás persoas e a casa común.

[Revista]

Xornada da Vida Consagrada

«Camiñando xuntos». Este é o lema co que a Igrexa celebra o 2 de febreiro a Xornada da Vida Consagrada, coincidindo coa festa da Presentación do Señor.

Con esta lema, os consagrados únense ao camiño sinodal. Os bispos da Comisión Episcopal para a Vida Consagrada convidan na súa mensaxe para esta Xornada «a camiñar xuntos» desde a consagración, a escoita, a comuñón e a misión.

Na Catedral de Lugo, o Sr. Bispo Mons. Alfonso Carrasco presidirá a Eucaristía o mércores 2 de febreiro ás 17 h

[Materiais]

Celebración da festa de Don Bosco

O luns 31 de xaneiro, celébrase a festa de San Xoán Bosco, fundador da Familia salesiana. Os días previos, aínda que limitados pola situación sanitaria, xa se vivíu un ambiente festivo no Colexio Divina Pastora, na Plataforma Social Juan Soñador e no Centro Xuvenil Ateibo.

Don Bosco, como se chama ao fundador de maneira cariñosa, foi un sacerdote italiano (1815-1888) que dedicou a súa vida á xuventude máis necesitada e fundou a Congregación Salesiana ademais de varios grupos da familia salesiana.

O colexio Divina Pastora leva dende comezos de mes preparando varios concursos de talentos e enxeño. Tamén se conmemora o día da paz e non violencia, fanse representacións, bailes e celebracións.

O centro xuvenil Ateibo levou adiante na pasada fin de semana as súas actividades cos nenos e mozos participantes dunha maneira especial. Fíxose presente no Lugo do 2022, o ambiente festivo do oratorio de Don Bosco do s. XIX.

A plataforma social Juan Soñador recorda a figura de Don Bosco a través de varias actividades especiais enmarcadas dentro dos proxectos socioeducativos que leva adiante.

Na parroquia da Milagrosa conclúe o luns 31 ás 19:30 h un triduo na honra de Don Bosco.

O martes 1 de febreiro ás 19:00 h, coa presenza do Sr. bispo Alfonso Carrasco e da alcaldesa Lara Méndez, entre outras personalidades, inaugurarase o novo pavillón de deportes do colexio nun sinxelo acto. Este novo equipamento estará dedicado a Don José Quintero, salesiano involucrado na chegada dos salesianos á Cidade da Muralla.

Encontro de capeláns de hospitais e residencias de Galicia

O 31 de xaneiro celébrase a XL Xornada Interdiocesana de Pastoral da Saúde na Casa de Exercicios Espirituais de Santiago de Compostela. Este encontro dos encargados en Galicia de servizos relixiosos hospitalarios e de residencias desenvolve o tema: PASTORAL CON SANITARIOS HOXE. O programa é o seguinte:

10:15h Oración inicial por Xosé Manuel Armesto, delegado de Pastoral da Saúde da Diocese de Ourense

10:20h Saúdo inaugural por Monseñor Alfonso Carrasco, Bispo de Lugo

10:30h Presentación dos relatores, por Benito Rodríguez Guerreiro, delegado de Pastoral da Saúde da Diocese de Tui-Vigo

10:35h Relatorio 1: Aínda cren os sanitarios en Deus?. Pastoral con sanitarios por Alberto Cano SJ, diácono e psiquiatra

12:00h Relatorio 2: Pasar do medo á atención integral do paciente: Claves espirituais, por Alberto Cano SJ

13:00h Ponencia 3: Testamento Vital en hospitais e residencias? Por Monseñor Francisco José Prieto, Bispo auxiliar de Santiago de Compostela

13:45 Presentación campaña enfermo 2022 por José Luis Fernández, delegado de Pastoral da Saúde de Mondoñedo-Ferrol

Os relatores:

Alberto Cano S.J. xesuíta e psiquiatra. Formouse coma médico interno residente no Hospital Universitario la Paz de Madrid. É autor do libro Bajo la bata. Hacer pastoral con sanitarios hoy. Tamén é coautor, xunto a Álvaro Lobo Arranz S.J., do libro Más que salud. Cinco claves de espiritualidad ignaciana para ayudar en la enfermedad.

Mons. Francisco José Prieto, é o bispo responsable de coordinar ás delegacións de Familia e Vida da Provincia Eclesiástica. Coordinou a adaptación do Documento do Testamento Vital da Conferencia Episcopal Española á normativa da Comunidade Autónoma de Galicia.

A %d blogueros les gusta esto: