Día das Persoas sen Fogar

Con motivo do Día das Persoas sen Fogar, que se celebrará o vindeiro domingo 30 de outubro, Cáritas lanzou unha nova campaña, que este ano cumpre o seu 30º aniversario. Baixo o lema “Fóra de cobertura”, a iniciativa denuncia a falta de acceso a dereitos, e en especial, a desprotección social que sofren as persoas sen fogar. Coa campaña trátase de facer visible que miles de persoas e familias sofren a vulneración dos seus dereitos sen que exista unha aposta rotunda por parte da sociedade e das políticas públicas por modificar as situacións, pero tamén desde a esperanza e a convicción de que é imprescindible seguir traballando para que todas as persoas poidan acceder aos seus dereitos e sexan incluídas na vida social e comunitaria.

Nos seus 450 centros e recursos orientados ás persoas sen teito, Cáritas atendeu a 37.207 usuarios no último ano.

Segundo o VIII Informe Foessa sobre Exclusión e Desenvolvemento Social en España, presentado a inicios de ano, unha de cada cinco familias no noso país teñen graves dificultades en relación ao acceso e ao mantemento da vivenda.

[Video]

Mans Unidas: festival de clipmetraxes e mesa redonda

Mans Unidas pon en marcha esta semana a XIV edición do seu Festival de Clipmetraxes. Por iso fai un chamamento ao alumnado dos centros educativos españois -a quen se dirixe a categoría escolar do concurso- e a maiores de 18 anos -na categoría xeral- para que graven un vídeo dun minuto que visibilice como o noso estilo de vida reflicte o compromiso coa consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). Nos seus traballos os participantes deberán mostrar exemplos ou ideas de como xestionar, de maneira sustentable, a alimentación e a auga. Trátase de mostrar como a través das accións individuais contribúese a edificar algo máis grande, con repercusión colectiva. Con este Festival convídase os participantes a reflexionar, actuar e comprometerse coa construción dun mundo máis xusto.

O alumnado da categoría escolas pode enviar as súas clipmetraxes até o 16 de febreiro de 2023. E os concursantes da categoría xeral, terán de prazo até o 4 de maio do mesmo ano.

Toda a información (bases, categorías, premios, xurado) aquí.

No marco da Semana contra a Pobreza e o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza (17 de outubro) Mans Unidas organiza unha mesa redonda que se poderá seguir por youtube o 20 de outubro ás 10 h. Nela serán analizadas e denunciarán as causas do aumento da fame no mundo, que alcanza xa a 828 millóns de persoas.

Participarán a académica Elena de Luís Romero, especialista en dereito á alimentación da Universidade Carlos III; Fidele Podga, coordinador de Estudos de Mans Unidas e José Luis Orpella, sacerdote e socio local da ONG en Garissa, Quenia.

Encontro da Pastoral Familiar de Galicia

A Casa de Exercicios de Santiago de Compostela acollerá durante os días 1 e 2 de outubro o Encontro de Axentes de Pastoral Familiar de Galicia, nesta ocasión baixo o lema “Acompañar: axudando a ser protagonistas”.

Poderán participar todos os axentes de pastoral (matrimonios e sacerdotes) que traballan nas parroquias con familias ou que se consideren chamados a traballar nese ámbito vital para a sociedade e a Igrexa.

Está prevista a participación de Miguel de la Mata, OFM, experto no tema, e conectarase en directo con matrimonios doutras delegacións con experiencia no acompañamento a parellas, matrimonios e familias.

Xornada de oración para invocar a paz para Ucraína

O vindeiro mércores, 14 de setembro, en toda Europa haberá adoracións eucarísticas para rezar polas vítimas da guerra e invocar a paz en Ucraína. O Consello de Conferencias Episcopais de Europa convida a participar nesta «cadea eucarística» que se realiza baixo o lema “Axeonllados ante a eucaristía para invocar a paz”.

O Papa Francisco pide “a todos ser construtores de paz, rezar e proxectos de concordia e reconciliación”. Os bispos europeos, en varias ocasións, uniron a súa voz á do Papa para que calen as armas e para poñer fin de inmediato á guerra en Ucraína e para traballar pola paz.

Xornada Mundial de Oración polo Coidado da Creación

O 1 de setembro celébrase a Xornada Mundial de Oración polo Coidado da Creación, a cal dá inicio ao Tempo da Creación. Este día de oración foi establecido polo Patriarca Ecuménico Dimitrios I en 1989 e polo Papa Francisco para a Igrexa católica en 2015.

O Papa define ao Tempo da Creación como “unha oportunidade para cultivar a nosa ‘conversión ecolóxica’, lembrando este concepto alentado por san Xoán Paulo II como resposta á ‘catástrofe ecolóxica’.

Deste xeito, convoca a todos os cristiáns durante este tempo para rezar. Tamén lembra “a responsabilidade de actuar, no noso comportamento cotián, en consonancia con esta necesidade de conversión, que non é só individual senón tamén comunitaria”.

[Máis información]

A %d blogueros les gusta esto: