Presentada a 4ª edición da Biblia en galego

O 17 de xaneiro ás 18 h no salón de actos do Seminario presentouse a 4ª edición da Biblia.

O primeiro en intervir foi o vicepresidente de SEPT e responsable da edición Silvestre Gómez Xurxo, que valorou o traballo de Xosé Antonio Salgado Agromartín: “Fixo a tradución do libro de Daniel, que ten as súas dificultades por cuestións de uso das linguas. Desde o punto de vista literario, podo dicir que fixo unha tradución fermosísima e unha introdución tremendamente aclaratoria. Teño un pero que poñer ao labor de Xosé Antón Salgado: a min a pena que me dá é que non tivese traducido máis libros. Dígoo de corazón e congratúlame dicilo publicamente”.

O biblista e tradutor Xosé Antonio Salgado Agromartín comentou as dificultades da tradución: “O libro de Daniel é un libro antiquísimo, pois foi escrito alá polo ano 165 a. C. e cun xénero literario -apocalipse- a base de símbolos, que eran coñecidos polos lectores inmediatos, non así para nosoutros, que temos unha cultura moi distinta”.

Xosé Antonio Salgado refrescou os seus coñecementos das tres linguas bíblicas: grego, hebreo e arameo; repasou os datos históricos que rodean ao libro de Daniel.  

Tamén falou da necesidade de promover a lectura da Biblia.

O Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta Valentín García Gómez, anunciou que dende o Goberno galego vai abrirse unha serie de publicacións de textos litúrxicos en contido dixital para que estean a disposición de todas as persoas que queiran acceder á Palabra de Deus ou que polo seu labor como cregos, catequistas… necesiten acceder aos textos precisos para poder oficiar, axudar aos catequizandos… en calquera parte do mundo no noso idioma. Neste ano 2023 publicarase o Misal galego en aberto en internet.

Clausurou o acto Mons. Alfonso Carrasco, que entre outras cuestións, referiuse ao significado que ten a Biblia para Galicia: “Acompaña a histora deste pobo, que chegou ao ano 1965 con forza suficiente para dicir: vamos a dar este paso culturalmente tan grande, tan relevante, como é a tradución ao galego porque vemos a importancia do galego e da Biblia e facemos un traballo enorme para facer esta tradución. Este pobo está acompañado pola Biblia desde que ten memoria, dende que se escribe en latín nas terras de Galicia, e ata agora, aquela realidade inicial e ao longo da historia, aquela realidade de pobos que foi a que constituíu a historia do que hoxe chamamos Galicia, estivo sempre acompañada pola Biblia.”

Asociación eucarística “Adoradoras Presenciais”

Con motivo dunha celebración das Adoradoras Presenciais, a finais do ano pasado estiveron en Lugo o consiliario nacional P. Postigo e tamén Eugenia Kirkpatrick. Esta asociación eucarística ten as súas peculiaridades: unha devoción forte ao Sagrado Corazón de Xesús, á Virxe e un amor grande á Igrexa e ao Santo Padre. Outros trazos cóntaos Eugenia nas seguintes liñas.

– Fáganos unha presentación das Adoradoras Presenciais

– As Adoradoras Presenciais do Santísimo Sacramento forma parte da Rede Mundial de Oración do Papa (Apostolado da Oración). Trátase de intentar ser os xeonllos do Papa e facer presente diante do Señor a intención que o Santo Padre manda mensualmente a nivel mundial. Esa é a razón pola que nós só facemos adoración unha noite ao mes, que adicamos a rezar por esa intención, e no mes seguinte pola nova intención. Cada unha das 13 dioceses onde hai Adoradoras Presenciais marca o día de mes. En Lugo é o cuarto venres de mes.

– Como se desenvolve cada encontro mensual?

– Comézase co rezo de vésperas, Eucaristía ás 22:30 h, permanécese en silencio ata as 3 da madrugada, intre no que se volve rezar o oficio de lecturas e volvemos a estar en silencio. Ás 5:30 h da mañá rézase o Rosario, laudes e oracións polos sacerdotes, polas vocacións e a intención do mes. Conclúse ás 6:30 h Non sempre resulta doado pasar a noite pero enténdese se temos en conta o amor a Deus e á Igrexa. Ofrécese ese tempo .

– Fálenos de vivencias que teñen as adoradoras

– As persoas que se achegan por primeira vez van con expectativa, impresionadas, porque é un prato forte. A verdade é que unha noite ante o Señor enche de vitaminas espirituais, necesarias para vivir, e ao final da adoración a xente sae transformada e entusiasmada. É moi positivo ter ao Señor tan preto, que nos chame a facerlle compañía durante a noite.

[Páxina web]

Aberta a inscrición para a Xornada Mundial da Mocidade

A Xornada Mundial da Mocidade proporciona aos centos de miles de mozos participantes unha experiencia de Igrexa universal, fomentando o encontro persoal con Xesucristo. Os mozos que desde Lugo desexen participar teñen á súa disposición un formulario para inscribirse.

Os actos centrais inclúen Misa de Apertura, Vía Crucis, Vixilia e Misa de Envío.

María levantouse e partiu sen demora” (Lc 1, 39) é a cita bíblica elixida polo Papa Francisco como lema da Xornada Mundial da Mocidade, que terá lugar en Lisboa do 26 de xullo ao 8 de agosto. A frase bíblica (unha cita do Evanxeo de San Lucas) abre o relato da Visitación (a visita de María á súa curmá Isabel), un episodio bíblico que segue á Anunciación (o anuncio do anxo a María de que ía ser a nai do Fillo de Deus, que foi o tema da última Xornada Mundial, en Panamá).

Día Internacional das Persoas con Discapacidade

O 3 de decembro é o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. O seu obxectivo é promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidades en todos os ámbitos da sociedade e o desenvolvemento, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural.

Na Conferencia Episcopal creouse unha Área de Discapacidade dentro da Comisión Episcopal para a Evanxelización, Catequese e Catecumenado. O bispo responsable é monseñor Romà Casanova Casanova (bispo de Vic).

A Igrexa realiza unha importante aposta por ser unha Igrexa que inclúe e que facilita a accesibilidade á evanxelización e participación na mesma. As persoas con discapacidade achegan riqueza ás nosas comunidades.

Convídasenos nesta xornada a toda a comunidade eclesial a dar pasos para mellorar a participación e integración baixo o lema “Unha Igrexa sinodal, inclusiva e accesible …unha Igrexa que inclúe”.

A Igrexa quere identificar barreiras, modificar contidos, enfoques, estruturas e estratexias para incluír a todas as persoas, coa convicción de que é responsabilidade de toda a comunidade parroquial.

[Material]

Mans Unidas: 24 horas para iluminar o mundo

O sábado 12 de novembro, a partir das oito da tarde, comeza a décima edición de “24 horas para iluminar o mundo”, iniciativa de sensibilización que Mans Unidas desenvolve co obxectivo de iluminar virtualmente o planeta para acabar, xuntos, coas partes ensombrecidas do mundo actual, causadas pola fame e as inxustizas.

O citado día (12 de novembro, 20 h) celébrase unha Eucaristía, retransmitida pola canle de YouTube da organización desde a igrexa conventual de San Francisco, en Santiago de Compostela. Estará presidida polo bispo auxiliar da arquidiocese, D. Francisco José Prieto, e contará coa presenza do vicepresidente de Mans Unidas, D. José Valero, así como das catro presidentas-delegadas de Galicia, en representación das 72 delegacións da organización

Lerase o Manifesto 2022 (especialmente dedicado á unión entre luz, xustiza e paz) e acenderase unha vela, símbolo de esperanza, de unión entre persoas e pobos, de solidariedade e fraternidade.

E desde ese intre, na páxina web da iniciativa (manosunidas.org/24horas) poderán ir véndose fotografías chegadas desde moitos lugares do planeta, formando parte do sinal de identidade da iniciativa: a acción “Acende a chama”.

.

A %d blogueros les gusta esto: