80 anos da Sociedade Sacerdotal da Santa Cruz

Esta semana cúmprense oitenta anos do nacemento da Sociedade Sacerdotal da Santa Cruz, asociación clerical unida á Prelatura Opus Dei. Os clérigos das dioceses -sacerdotes ou bispos- que se adscriben a esta Sociedade Sacerdotal, fano como agregados ou supernumerarios segundo circunstancias persoais. Todos teñen unha mesma vocación, seguen incardinados na propia Igrexa particular e dependen só do seu bispo. A Sociedade Sacerdotal da Santa Cruz ten como fin fomentar a santidade dos clérigos seculares no desempeño do seu ministerio e a entregarse por amor ao servizo das persoas, especialmente dos máis necesitados.

Curso sobre San Manuel González

Do 17 ao 19 de febreiro 2023 terá lugar un curso sobre San Manuel González baixo o título O itinerario misioneiro de San Manuel Gonzalez. Impulsar a mision compartida dos laicos na Igrexa. Será na Universidade da Mistica, Avila (CITeS). Desde Lugo tamén se organiza a viaxe para aistir a este curso de formación para laicos, que conta cos seguintes relatores:

  • Dª Aurora Mª López Medina. Doutora en Dereito, profesora de Dereito Canónico e Diplomada en Teoloxía. Universidade de Huelva.

  • D. Sergio Pérez Baena, Pbro. Vigairo Episcopal e Delegado de catequese e catecumenado (Zaragoza) Licenciado en Catequética.

  • Hna. Monica Mª Yuan Cordoviola m.e.n Doutora en Xornalismo e licenciada en Ciencias Relixiosas. Universidade CEU San Pablo.

  • D Francisco Gómez Gómez. Doutor en socioloxía, profesor de Servizos Sociais e Fundamentos Historia-Xurídicos na Universidade a Distancia (UNED)

Peregrinación a Terra Santa

Coordinada e animada por Frei Francisco Castro Miramontes, entre os días 12 e 21 de febreiro, ten lugar unha peregrinación a Terra Santa desde Galicia.

Día 1: A Coruña – Madrid

Día 2: Madrid – Tel Aviv – Nazaret

Día 3: Monte Carmelo – Caná de Galilea – Nazaret

Día 4: Lago de Tiberíades e a súa contorna – Monte Tabor

Día 5: Xericó, río Xordán; Mar Morto; Belén

Día 6: Ein Karem, Belén, Campo dos Pastores

Día 7: Xerusalén: monte das Oliveiras e cidade vella

Día 8: Xerusalén: Emaús – Monte Sión – Xerusalén

Día 9: Xerusalén – Tel Aviv – Madrid

Día 10: Madrid – A Coruña

Cada día celébrase a Eucaristía nun lugar santo diferente.

Información e reservas: Jesús Martín Arce

O sacerdote Alberto Cuevas obtivo o Premio Bravo! na categoría de Comunicación diocesana

O 1 de febreiro na sede da Conferencia Episcopal Española, en Madrid, acompañado de familiares e colegas de profesión, o sacerdote Alberto Cuevas recolleu o Premio Bravo! na categoría de Comunicación diocesana que, cada ano, outorga a Comisión Episcopal para as Comunicacións Sociais da CEE.

Durante a súa intervención, Alberto Cuevas deu tres grazas e tres Bravos!, para agradecer este premio nacional. A primeira das grazas foi para as persoas que enviaron a súa candidatura ao premio Bravo! en Comunicación diocesana: «grazas, repito, a eles e Bravo! porque constataron que a audacia ten premio».

Tamén manifestou a súa gratitude cara a todos os membros do xurado que se fixaron na diocese máis pequena -xeograficamente, falando- do territorio peninsular que «non organiza, de momento, nin grandes congresos internacionais nin a visita do Papa, pero si que está todos os días facendo informacións da nosa diocese, coidando a imaxe da Igrexa, facéndoa presente entre os medios de comunicación, non só no eclesiástico, senón tamén no social, caritativo, no artístico… en todo o que ten que ver cunha coidada imaxe da Igrexa na opinión pública». Así, dedicou o premio a todas aquelas persoas que, nas súas dioceses, «coidan, cada día, a imaxe da Igrexa, aínda que non reciban este Premio Bravo! que eu comparto con eles».

Alberto Cuevas lembrou a bispos pioneiros como Mons. Antonio Montero ou Mons. José Delicado Baeza que, no seo da Conferencia Episcopal, propulsaron o cambio dunhas «delegacións antigas, case diríase que de “pomba mensaxeira” e “mester de clerecía” a unhas delegacións profesionais, atentas ás novas tecnoloxías, preocupadas de comunicar co estilo de hoxe». A eles e a todos os bispos que, na actualidade, continúan impulsando a comunicación eclesial, dedicou un Bravo!

O premio recoñece o labor desenvolvido por Alberto Cuevas Fernández quen, desde hai 54 anos, é sacerdote e, desde fai 44, xornalista que dirixe as tarefas de información e comunicación como delegado diocesano de Medios de Comunicación na diocese de Tui-Vigo. Tamén é párroco da Nosa Señora da Soidade (O Castro-Vigo), colaborador de distintos medios de comunicación en Galicia e prelado de honra da Súa Santidade.

Día Mundial contra a Lepra

O Día Mundial contra a Lepra celébrase anualmente o último domingo de xaneiro (este ano, o 29 de xaneiro). Foi introducido en 1954 por Raoul Follereau, o “apóstolo dos leprosos”, que quería chamar a atención sobre a difícil situación dos afectados.

Con motivo do Día Mundial contra a Lepra deste ano, o papa Francisco chamou a non esquecer aos máis pobres e a construír unha sociedade máis inclusiva.

O Día Mundial contra a Lepra debería ser unha ocasión para “revisar os nosos modelos de desenvolvemento e denunciar e corrixir a discriminación que provocan”, escribe o Papa nunha mensaxe aos participantes no segundo simposio internacional sobre a lepra, organizado esta semana no Vaticano.

“Esta é unha boa oportunidade para reafirmar o noso compromiso coa construción dunha sociedade inclusiva, que non deixe a ninguén á marxe”, aseverou o pontífice, que tamén dixo: “Non podemos esquecer a estes irmáns nosos. Non debemos ignorar esta enfermidade, que lamentablemente aínda afecta a moitos, especialmente en contextos sociais máis desfavorecidos”.

A %d blogueros les gusta esto: