Encontro en Lugo da Unión Eucarística Reparadora de Galicia

O sábado 10 de xuño 85 persoas procedentes de Vigo, Ferrol, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Lugo terán un encontro baixo o título “A Eucaristía, un corazón que latexa”. Son integrantes da Unión Eucarística Reparadora (UNER), fundada por San Manuel González. O asesor relixioso da UNER de Madrid, Miguel Angel Arribas, dirixirá o encontro, que pola mañá terá lugar no Seminario, onde se tratarán, entre outros, os seguintes temas: Eucaristía é vida, fe, caridade, servizo, paz, luz. E pola tarde celébrase a Eucaristía e haberá momento de adoración na Catedral

Todos estes actos, que comezan as 10:30 h e conclúen ás 18 h, están organizados por UNER  Sagrarios Calvarios Lugo.

Carta dos Bispos de Galicia co gallo da campaña de sensibilización para a matriculación na materia de Relixión católica

Queridos pais e nais:

Saudámosvos de novo, a vós e a toda a comunidade cristiá, con motivo da Xornada Diocesana sobre o Ensino Relixioso na Escola, neste tempo no que se abre o proceso de matriculación para o próximo curso escolar 2023/2024.

Como ben sabedes, todos os centros educativos teñen obrigación de ofertar esta materia e, vós como pais, tedes a opción de escollela.

Sendo conscientes de que a nosa sociedade actual vive nunha profunda crise de valores e que a presenza da Relixión no ámbito público se quere silenciar cada día máis, é especialmente importante que, como cristiáns, fagamos valer o noso dereito para estar presentes nas aulas, e iso soamente é posible se existe demanda da materia.

A materia de Relixión ten como obxectivo a educación integral do alumnado, tanto a nivel de cultura relixiosa, como a nivel de valores. Así mesmo, é importante a súa dimensión de acompañamento persoal, que axuda ao alumnado para crecer en todos os seus ámbitos: humano, espiritual, cultural e ético.

A misión da materia, así mesmo, é ofrecer un coñecemento crítico e maduro da fe cristiá, no marco dun diálogo interdisciplinar entre o evanxeo e a cultura humana, á poboación en idade escolar, pretendendo que a mensaxe cristiá, que é o que fragua a nosa cultura, forme parte da formación que os vosos fillos e fillas reciben no colexio e no instituto.

Vós, como pais e nais, asumistes no momento do bautismo dos vosos fillos a responsabilidade de educalos na fe. Para facilitarvos este compromiso, ademais da educación cristiá que lles ofrecedes en casa, a Igrexa pon á vosa disposición o ensino relixioso escolar, cun profesorado doctrinal e pedagóxicamente formado, como complemento da vosa irrenunciable responsabilidade educativa e expresión do dereito, como pais, a educar aos vosos fillos conforme ás propias conviccións e crenzas.

Animámosvos, pois, a que matriculedes aos vosos fillos na materia de Relixión, xa que non soamente lles axudará a crecer como cristiáns, senón tamén como persoas.

Co noso agradecemento e apoio aos pais e profesores que entregades xenerosamente o mellor de vós na educación dos vosos fillos e alumnos, bendicímosvos con afecto no Señor e encomendámosvos nas nosas oracións.

+ Francisco José, Arcebispo de Santiago

+ Luís, Bispo de Tui-Vigo

+ Alfonso, Bispo de Lugo

+ José Leonardo, Bispo de Ourense

+ Fernando, Bispo de Mondoñedo-Ferrol

31 de maio, xornada «Enxugar as bágoas»

O departamento de Pastoral da estrada convoca para o 31 de maio a xornada «Enxugar as bágoas». Trátase de acompañar, rezar e dar unha palabra de alento e de esperanza ás persoas que viven coas secuelas de sufrir un accidente de tráfico e ás familias que perderon a un ser querido na estrada. Elixiuse como data o 31 de maio, día no que se celebra a Visitación da Virxe a Santa Isabel.

O director do departamento de Pastoral da Estrada, José Aumente, presidirá a Eucaristía o 31 de maio ás 11.00 horas na Basílica da Concepción de Madrid, retransmitida por TRECE TV.

[Materiais]

Día do mundo rural

Un dos valores definitorios do mundo rural é o ben común. E o coidado da terra foi considerado como algo inherente á súa forma de ser, pois se alguén está pegado á terra, esas son as persoas que aínda viven nas aldeas.

Os militantes dos movementos rurais cristiáns lembran a necesidade de ter sempre presente a encíclica Laudato Si´ como luz e guía tanto para a misión como para as propias estruturas. Tamén consideran que o traballo por unha ecoloxía integral non debe quedar en discursos baleiros, senón que será unha tarefa que redunde en beneficio de todos, especialmente dos máis débiles do noso mundo.

[Manifesto completo]

13 de maio, Día da Unión Mundial das Organizacións Femininas Católicas (UMOFC)

Este ano conmemorarase de maneira especial, pois o 13 de maio as mulleres da UMOFC están convidadas a unha audiencia privada co Papa Francisco, que se dirixirá a elas cunha mensaxe que escoitarán persoalmente e despois transmitirán a todas as mulleres católicas do mundo.

A %d blogueros les gusta esto: