Solemnidade de Todos os Santos

A celebración de Todos os Santos, lémbranos a unha multitude de santos e santas, xente corrente como nós que viviron de maneira sinxela pero que comunicaron paz, que foron auténticos, compasivos, solidarios, que entregaron a súa vida xenerosamente e que participan dunha vida plena. É unha festa de esperanza e de alegría xa que hai moito ben no mundo se sabemos descubrilo. Os santos demóstrannos que seguir a Xesús é posible aínda que tiveron defectos, cometeron pecados, non eran perfectos.

Tamén lembramos nesta festa a unha multitude de santos anónimos sen coroa e sen altar. Como di o Papa Francisco: “os santos da porta do lado”. É dicir, santos anónimos, que coas súas boas obras, ben intencionadas, poden transformar a súa contorna, facela máis cristiá, máis humana.

Na festa de Todos os Santos, podemos dicir de corazón:

Señor, fai crecer en nós o desexo de vivir o espírito das Benaventuranzas: a alegría, a paz, a misericordia e a felicidade de atoparnos contigo e de saír ao encontro dos outros!

Parroquia do Bo Pastor, Lugo

Xornada para profundizar no coñecemento do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro

O sábado 23 de setembro levouse a cabo unha actividade programada polo Museo de Pontevedra con motivo do centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos a modo de ‘xeira’ pola comarca do Trasdeza, nesta ocasión centrada no mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro. A xornada incluíu a visita, unha camiñada arredor do mosteiro e unha conferencia a cargo de D. Francisco Prado-Vilar, investigador distinguido da Universidade de Santiago de Compostela e do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario de Paisaxes Culturais Atlánticas), centrada na historia recente da igrexa do Mosteiro, e tamén mostrando imaxes inéditas do seu estado e evolución durante o século XX.

De gran interese é a investigación que Prado Vilar está a levar sobre o roubo e desaparición dos relevos do tímpano occidental da igrexa do Mosteiro, propiedade da Diocese de Lugo dende a desamortización do século XIX, e que figuran nos fondos do Museo Marés de Barcelona. Os documentos de arquivo e a información que manexa Prado Vilar demostran o roubo no 1957 e a súa inmediata denuncia, feitos que, a criterio do investigador, ilexitiman calquera transacción posterior. Postura que comparte o Concello de Silleda, propietario das antigas dependencias monacais e a Diocese de Lugo, propietaria da igrexa do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro.

A xornada rematou gozando do día solleiro polas sendas arredor do Mosteiro.

Francisco Prado-Vilar

Experiencia na Xornada Mundial da Mocidade de Pedro Martínez Puig

O meu nome é Pedro Martínez Puig, teño 19 anos e estudo Belas Artes en Pontevedra. Cando fai oito anos o bispo de Lugo pediu a familias en misión unha axuda á parroquia, a miña familia, do Camiño Neocatecumenal de Alacante, ofreceuse, e levamos en Lugo 8 anos.

A peregrinación na que participei na Xornada Mundial da Mocidade de Lisboa, levouna adiante o Camiño Neocatecumenal de Galicia e fomos uns 100 mozos xunto a uns 20 catequistas. Estivemos unha semana por España ata a vixilia co Papa.

O primeiro día atopámonos todos os mozos na Coruña para coñecer a realidade eclesial da zona e pedir unha intercesión ante a reliquía de San Pedro Apóstolo, que está na Misio ad gentes de Coruña. Despois partimos todos os mozos en dous autobuses, e fomos acollidos polas monxas cistercienses no mosteiro do Salvador, onde nos fixeron unha pequena experiencia. Tivemos unha invitación para facer a confesión e comezar a peregrinación xa cos pecados perdoados.

O segundo día fixemos unha misión evanxélica por Toledo, anunciando o Evanxeo con guitarras, cantando todos os mozos. Foi algo espectacular, impresionante, e uníronsenos dalgúns países tamén que ían á Xornada.

Ao día seguinte fomos a un parque temático cun transfondo cristián que nos axudou tamén aos mozos.

O cuarto día estivemos en Sevilla evanxelizando como fixemos en Toledo.

O quinto día fomos ao santuario do Rocío para pedir unha graza á Virxe María. Tivemos unha Eucaristía no Rocío para preparar o encontro co Papa.

Actos centrais

O 5 de agosto fomos a Lisboa, ao Campo da Graça. Estivemos case dous millóns de persoas en Lisboa. Tocounos o bloque D1, diante da pantalla víase moi ben ao Santo Padre cando apareceu. Tivemos a adoración ao Santísimo e o encontro co Santo Padre, que nos deu a benvida e explicounos o lema da Xornada Mundial da Mocidade, “María levantouse e partiu sen demora”. Explicounos que María fai as cousas por amor, cunha alegría misioneira e convidounos a todos nós a levar esta alegría, que os mozos estamos chamados a crear raíces de alegría, pois somos a alegría do mundo. A todo a isto convidábanos o Papa, que nos ensinou tamén que, en comunidade, debemos levantarnos uns a outros para ascender esta montaña do camiño da vida. A cuestión non está en non caer, senón en aprender a erguerse e seguir adiante todos xuntos. E é o único momento no que se pode mirar ao outro de arriba abaixo. Foi toda unha experiencia, unha axuda do Papa ese día, que tamén nos falou do achegamento a Xesús adestrándonos todos os días e sen ter medo, que foi unha frase estelar nesta Xornada do Papa.

Tivemos despois unha noite de fraternidade, os irmáns cantando, bailando. Unha noite cortada porque nos espertaron pronto cunha música moito máis actual e co baile alegre das monxas da Iesu Communio que tiñamos ao noso carón.

Xa na mañá do domingo tivemos a celebración da Santa Misa co Papa Francisco, que nos deu unha homilía moi clave e clara para nós. A min axudoume moito. Falábanos de resplandecer, como resplandece a lúa ante o sol, que reflicte a luz de Cristo, e que non somos perfectos, pero amando como El, iso é o que nos fai luminosos. E Deus ilumínanos.

Ademais de resplandecer, deunos outra palabra: escoitar, para non equivocarse, para seguir o camiño do amor que non é egoísta, o amor do que nos fala Xesús. O Papa convidábanos a escoitar a Xesús, lendo os evanxeos.

E a última frase, que foi o cumio desta peregrinación, non ter medo. O Papa convidábanos a todos a saír, a anunciar esta alegría que temos os mozos para buscar. Moitas veces vivimos tentados polo desánimo, pola preguiza, a falta de alegría e o Papa convidábanos á alegría, a non ter medo. E como dicía o Papa San Xoán Paulo II, o amor vence sempre. É algo impresionante que a min axudoume a coller a Palabra e a saír renovado desta Santa Misa.

Saímos do recinto e chegamos ao hotel onde se nos deu unha pequena catequese para prepararnos para o día seguinte.

O luns tivemos un encontro cos iniciadores do Camiño Neocatecumenal, con Kiko Argüello, Padre Mario e Ascensión, que nos dan unha palabra e podemos nós responder se é que o Señor nos chama a unha vocación sacramental. E nesta peregrinación dixeron si ao Señor uns tres mil mozos, que é algo impresionante. Podo dicir que fun un deles, que dixen si ao Señor. E alí mesmo o Bispo Patriarca de Lisboa deunos a bendición. Este ano seguramente xa entro no Seminario, se Deus quere.

Impacto 

Esta peregrinación para min foi algo clave na miña vida, a Xornada é un encontro persoal co Señor, é como un camiño, como unha vida dentro dun momento. Faise participe da graza de Deus. Nos autobuses adoitamos dar unha experiencia, dicimos como estamos neste tempo, explícansenos as Escrituras e os catequistas axúdannos a entrar en intimidade co Señor. E a min axudábame moito o saír de min mesmo, o buscar ao outro, o non quedarme quieto, como dicía o Papa, a saír, a dar esta alegría, a buscar estas raíces de alegría, a non quedar separado e a non quedar caído, a erguerse, a estar en vela esperando ao Señor. É algo que a min axúdame tamén a seguir o día a día, a poder manterme nesta mocidade e a ver que, como dicía o Papa, o que queda caído está xubilado da vida. Eu non quero xubilarme da vida. Esta Xornada Mundial da Mocidade axudoume e cambioume a vida debido a que agora vou ao Seminario nun tempo de discernimento. Agradezo o que fai a Igrexa por min, todo o que organiza, todo o amor que se me dá e todas as palabras que me dan. Tamén foi unha gran alegría poder vivilo alí con emoción, como pasaba o Papa e todos nos achegabamos a saudalo. Foi algo verdadeiramente especial ver que hai moitos como nós, case dous millóns de persoas que foron a Lisboa. Déixache impactado para sempre, cámbiache a vida. e iso empúxame a vivir a vida doutro xeito, empúxame a querer ao outro, a querer loitar. Para ter éxito, hai que adestrar. Agora, á volta da Xornada, que tanto custa volver a realidade moitas veces, ao que nos convida o Papa é a adestrar día a día, indo a Misa, á comunidade cos irmáns, a todo o que nos fortalece. E ver que a nosa vida é como unha peregrinación, é como un paso no que o Señor se fai presente.

Moitas grazas. É un pracer poder comunicar a miña experiencia e dar grazas á comunidade de Lugo, á comunidade parroquial e a todos aqueles que lean estas liñas.

Pedro Martínez Puig

Xornada de Responsabilidade no Tráfico

O domingo 2 de xullo celébrase a Xornada de Responsabilidade no Tráfico e lémbrase a san Cristovo, patrón dos transportistas e condutores.

O lema deste ano é «Encomenda o teu camiño ao Señor e El actuará», está tomado do salmo 37, e convida a dedicar uns intres á oración: antes, durante ou ao final da viaxe. Pídese unha condución tranquila, gozando da compañía que leve, ou sinxelamente, gozar da paisaxe contemplando a obra creadora de Deus.

Nesta xornada tense moi presente a todos os transportistas e profesionais do volante, así como a todos os condutores, para que, coa debida responsabilidade, eviten toda clase de  accidentes. Tamén se ten presente aos peóns, aos que investigan nos laboratorios de seguridade viaria, a quen traballan en autoescolas.

[Materiais]

 

 

Óbolo de San Pedro

Grazas aos donativos do Óbolo de San Pedro, o Santo Padre pode chegar aos necesitados: os pobres, os nenos, as familias, os anciáns, os marxinados, as vítimas de guerras e catástrofes naturais, os refuxiados e os emigrantes. Segundo o Informe Anual publicado en xuño de 2022, puideron financiarse 157 proyectos en 67 países (41,8% en África, 23,5% en América, 25,5% en Asia). Os países que máis achegan son Estados Unidos, Canadá, Brasil, Italia, Alemaña, Francia, España e República Checa.

Nos últimos anos, o Papa enviou distintas axudas aos refuxiados ucraínos, medicamentos a Tanzania, axudas aos afectados polo tifón Rai en Filipinas ou como a doazón dun sistema para a produción de osíxeno medicinal ao Hospital Saint Raphael de Bagdad (Iraq).

O Óbolo de San Pedro manifesta o sentido de pertenza á Igrexa e o amor e a confianza cara ao Bispo de Roma, que preside todas as Igrexas na caridade. Quen fai un donativo ao Óbolo non só axuda ao Papa a socorrer aos que sofren, senón que participa na súa misión de anunciar o Evanxeo en todo o mundo e colabora para que a súa voz e a súa mensaxe cheguen aos recunchos máis remotos.

Pode facerse un donativo ao Santo Padre en calquera momento do ano a través de:

Conta bancaria a nome de “Obolo di San Pietro” en FinecoBank S.p.A.

IBAN: IT 52 S 03015 03200 000003501166

Código BIC/SWIFT do beneficiario: FEBIITM1

(indique o seu nombre e dirección completa no motivo do pagamento)

Cnta postal

  1. 75070003 a nome de “Obolo di San Pietro” – 00120 Cidade do Vaticano por boletín, ou por transferencia postal o xiro postal:

IBAN: IT 27 S 07601 03200 000075070003

Código BIC/SWIFT: BPPIITRRXXX

A %d blogueros les gusta esto: