Igrexa en saída e nova evanxelización (II)


Hoxe necesitamos máis evanxelizadores que catequistas. Estamos a construír sobre area. Estamos a tentar pór o tellado sen pór os cimentos. Hoxe fálase dunha nova evanxelización. Nova polo seu ardor; pola súa metodoloxía; polas súas expresións. Nova para que responda ás situacións e ás necesidades deste mundo noso, que é un mundo novo.
Ademais, a evanxelización será nova se ten en conta a realidade sanguenta dos pobres. A evanxelización será nova se ten como punto preferente a teoloxía do outro, o cal é vítima das inxustizas veciñais, tamén das miñas. A evanxelización nova é unha evanxelización que non impón obrigacións, senón que se fai ofrenda de nova vida en respecto serio ás persoas. A evanxelización será nova e eficaz, se se fai en proximidade ás persoas, nunha Igrexa en apertura, como nos recomenda o Papa Francisco. A nova evanxelización non pode ser só moralizante, senón transmisora dos valores fundamentais do Reino: xustiza, respecto, fraternidade.
A nova evanxelización ten que recuperar o entusiasmo. Paradoxalmente habería que empezar evanxelizando ao evanxelizador. O ambiente condiciona as actitudes. Tamén os discípulos de Emaús camiñaban desilusionados, porque o Mestre morrera. Necesitaban unha inxección de esperanza, e recibírona de optimismo, e convertéronse en evanxelizadores dos seus irmáns.
O caso pode repetirse nalgúns dos evanxelizadores de hoxe. Os sacerdotes tamén somos humanos, e necesitamos ser recoñecidos como construtores, útiles dun mundo mellor. Necesitamos ser valorados polas comunidades ao noso cargo. E isto pode facerse de moitas maneiras; tamén dun xeito celebrativo. Así o facemos cos membros doutros estamentos: celebramos o día do pai, da nai, do traballador…, rememorando os seus méritos e os seus dereitos, e isto reconfórtaos nas súas dificultades.
Pois tamén os sacerdotes necesitamos este recoñecemento. O noso ministerio leva renuncias e non pequenos sacrificios. Pode sobrevirnos o cansazo e a desilusión, e isto é nocivo para nós e para o pobo de Deus. A vosa acollida e a gratitude pola nosa dedicación ministerial, pode inmunizarnos, contra esta pandemia vocacional.

Indalecio Gómez Varela
Cóengo da Catedral de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: