De entre os dons que nos regalou o Señor, destaca o seu Fillo Xesucristo, o noso redentor, e a Igrexa, continuadora da obra de Xesús, no mundo.
Á Igrexa pertencemos todos os bautizados, e nela todos somos iguais en dignidade, pero non todos iguais en responsabilidade. Todos somos responsables de continuar a obra de Xesús no mundo, non só a xerarquía, porque a responsabilidade non provén do posto que cada un ocupa na Igrexa, senón do carisma recibido e da capacidade que cada un ten para levalo a efecto.
Con todo, cabería distinguir como unha dobre apostolicidade, a das doce primeiras testemuñas, e os seus sucesores, os ministros ordenados; e a dos demais membros da Igrexa. Toda a Igrexa é ministerial; non só a clase sacerdotal, senón tamén os cristiáns laicos. Toda a Igrexa é diacónica, é servicial. Os ministerios non son unha caste clerical: son unha nomenclatura eclesiolóxica.
A participación na misión da Igrexa esténdese a todos os seus fillos e a todas as súas dimensións, pero, posto que a misión vén dimensionada polo carisma recibido, á clase clerical incumbe dun xeito preferente o deber de continuar a obra de Xesús no mundo.
Na súa misión, Xesús ten sempre presente dous referentes: a vontade do Pai, que o envía, e a liberación dos homes aos que foi enviado. E en función, do encargo recibido, exerceu o ministerio da palabra, do culto, da pastoral de comuñón, e a acción caritativa. Este é tamén o campo de acción ministerial dos sacerdotes, sen descoidar ningún deles. Con todo, penso que, nestes momentos, a súa atención preferente debe ser o ministerio da palabra, xa que hoxe o problema relixioso do mundo é problema de fe.
Por este motivo, sen descoidar ningún tipo de pastoral, hai que dar preferencia á pastoral misioneira ou de primeira evanxelización. Na primitiva Igrexa, o primeiro anuncio, o kerigma, provocaba simpatizantes ao seguimento de Cristo. Hoxe denunciamos talvez a inmoralidade do pobo, e anunciamos pouco a mensaxe salvadora do evanxeo. A nosa pastoral moralizante, de denuncia, provoca rexeitamento no denunciado, que non se considera amado, senón acusado. Deste xeito de actuar corríxenos Xesús na parábola do Fillo Pródigo: alí non existe denuncia, senón acollida por parte do pai.
Indalecio Gómez
Cóengo da Catedral