I Encontro Eucarístico Lucense. Xornada do venres 2

Empezouse cunha conferencia titulada Presenza e Memorial: revisitando o Novo Testamento, conferencia que correu a cargo do Decano da Facultade de Teoloxía do Norte de España D. Francisco Pérez Herrero. Presentou unha panorámica dos testemuños que o Novo Testamento ofrece da Eucaristía e que son diferentes pero complementarias.

A última conferencia da mañá do venres titulábaseA carne de Cristo: a fe eucarística como expresión da fe cristolóxica no I Milenio”. O encargado de pronunciala foi o director espiritual do Seminario Diocesano de Alcalá, D. Manuel Aroztegui Esnaola (na imaxe con Ms. D. Alfonso). É un dos teólogos da nova xeración da Facultade de Teoloxía San Dámaso, onde imparte clases. Ao longo da súa exposición, foi recollendo as ideas dun artículo de Joseph Ratzinger, “Orixe e natureza da Igrexa”.

Xa pola tarde do venres, o doutor en Sagrada Liturxia, Lino Emilio Díez Valladares, falou do Culto eucarístico fóra da misa, da súa tradición e a súa actualidade. Despois do Concilio Vaticano II, ese culto afrontou unha crise tan profunda e progresiva que chegou a facer pensar na súa desaparición. Co paso do tempo, a crise foise atenuando e hoxe está superada e hai un renovado vigor. A iso contribúe a fidelidade ao culto eucarístico fóra da Misa de tantísimos crentes e de tantas comunidades relixiosas.

Aínda que a misa sexa a expresión central da Eucaristía, esta non se esgota coa súa celebración: “Máis aínda, dada a súa centralidade, todas as outras expresións de culto, litúrxicas ou non, dela derivan ou a ela conducen: estenden de diversos modos, no tempo e nas formas, a riqueza celebrativa da Eucaristía”.

Como conclusión á súa conferencia, Lino Emilio Díez, dixo o seguinte: “O que é común aos dous momentos de culto eucarístico -dentro da celebración e fóra dela- é a admirable presenza de Cristo. Esta presenza é a que motiva e provoca unha celebración máis adorante e respectuosa da Misa -da que nos dan un admirable exemplo os cristiáns de Oriente-, e a que convida aos cristiáns, persoalmente ou en comunidade, a dedicar espazos á oración ante o Santísimo e a outros signos externos de gratitude e veneración por este don da Eucaristía”.

Os actos académicos do venres finalizaron coa intervención do Director do Secretariado de Liturxia da Conferencia Episcopal. Juan Mª Canals Casas, falou dos Congresos Eucarísticos ao servizo da fe cristiá. Presentouse o papel que eses Congresos tiveron na formación cristiá e no Maxisterio da Igrexa. Finalizou a súa intervención presentando o Congreso Eucarístico Internacional que se celebrará en Dublín o próximo verán.

Pero non só se programaron conferencias, pois na igrexa de San Pedro houbo un concerto do Coro de música antiga E ULTREIA e de MENESTREIS DE 1500. Interpretaron diversas pezas gregorianas e polifónicas eucarísticas e marianas.

 

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: