Que celebramos en Venres Santo? Hoxe é o primeiro día do Triduo pascual. Pola paixón e morte de Cristo comeza a Pascua ou o tránsito do Señor. É tempo de silencio, de oración persoal e de participación nas celebracións para contemplar a Xesús, o Cristo, que coa súa paixón e morte inaugura novos tempos vencendo definitivamente a morte de toda a humanidade. Todos os ritos deste día son extraordinarios. Sublíñase nestas celebracións, a intensa diferenza externa que se percibe entre a austeridade da liturxia do Venres Santo e o carácter extraordinariamente festivo da próxima noite e do día de Pascua.
O día de Venres Santo todo o celebrativo é sobrio e silencioso. En cambio, a partir da noite e do día de Pascua, todo é festivo e alegre. Deste xeito, a Igrexa trata de expresar a Pascua de Cristo e unir a ela a propia Pascua ou “tránsito” dos fieis cristiáns da morte á vida, do pecado á graza, da debilidade da condición humana á compañía e á vida do Resucitado. As mesmas cores litúrxicas simbolizan este tránsito: do morado ou negro ao branco relucente.
Ao contemplar a Cristo, neste día, miramos ao homo patiens, ao home doente e ao Deus crucificado. E ao seu carón, a nai dolorosa con bágoas nos seus ollos, sufrindo intensamente o tráxico acontecemento.
Na Salve Regina rezamos: “a ti suspiramos, xemendo e chorando neste val de bágoas”. Esta pregaria que procede da nosa querida terra lucense e composta na nosa catedral polo bispo S. Pedro de Mezonzo, ante a imaxe da Virxe dos Ollos Grandes, reflicte a saudade, a melancolía e a tristeza da nosa realidade galega e con ela expresamos a propia experiencia dos nosos devanceiros da dureza da vida. Tamén isto explica a dor e o sufrimento da Semana Santa. Xeracións de crentes viron reflectidos nos nosos cristos sufrintes e na beleza das nosas dolorosas, a propia realidade da súa existencia. As bágoas de Deus bríndannos a forma máis radical do amor de Deus que lonxe de volvernos cegos ante o sufrimento alleo agudizan a nosa mirada e espabilan a nosa conciencia para facernos cargo solidariamente da dor dos máis pobres e necesitados.
Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral da Diocese