Cáritas parroquial de San Antonio de Padua (Lugo) conta co proxecto “Horta Solidaria”. Esta iniciativa, que xorde dos propios fregueses da parroquia, intenta paliar as situacións de pobreza que afectan a este barrio da cidade.
Este sábado, día 11 de abril, comeza a plantación de patacas nas terras da zona de Saamasas que os veciños cederon para o cultivo. Entre todos fanse cargo dos gastos económicos, da compra da semente, dos abonos, da contratación de maquinaria… e colaboran, ademais, na realización dos traballos necesarios para o mantemento da horta (arar, abonar, fresar…)
Entre os obxectivos desta iniciativa están:
1. Crear un clima de fraternidade e de caridade entre os membros desta comunidade parroquial.
2. Auxiliar de modo eficaz as necesidades das familias máis afectadas pola lacra da pobreza.
3. Crear un espazo orixinal de encontro e integración para as persoas que reciben axuda, no que se fomenten valores como o respecto e o esforzo.
4. Manter un campo de traballo cooperativo que sexa un exemplo e estímulo para a solidariedade.
5. Fomentar o uso das terras en estado de abandono.
6. Recuperar os cometidos tradicionais do campo galego.
7. Ser parroquia en saída e significar con feitos a fe que celebramos e vivimos.