Transcrición da homilía pronunciada polo bispo Mons. Alfonso Carrasco durante a Eucaristía solemne na Catedral o 5 de outubro de 2018:
Benquerida alcaldesa desta nosa cidade de Lugo, hoxe acompañada polos membros da corporación municipal.
Damos a benvida a estes cativos vidos dende a parroquia de San Xoán do Campo para facer esta tradicional ofrenda ao noso patrón, san Froilán.
E benvidas tamén tódalas persoas que dende distintos lugares se achegan hoxe á nosa cidade para celebrar solemnemente estas festas.
Benvidos todos a esta casa vosa; cada fiel que ven aquí, cada un dos que vimos aquí a esta catedral sabemos que, vindo de onde veñamos, estamos na nosa casa, esta é a nosa casa, a casa de tódolos cristiáns do mundo enteiro, aquí onde a Igrexa en Lugo onde ten a súa sé.
(…) hoxe os lucenses recibimos aquí, na catedral e tamén en cada un dos nosos fogares, aos nosos familiares e aos nosos amigos para celebrar con ledicia ao noso patrón.
Celebramos a San Froilán e del o primeiro que hai que dicir é que é patrón da nosa cidade e da nosa diocese e tamén patrón da cidade de León, onde está enterrado, logo de facer un longo camiño desde aquí. El naceu aquí en Lugo, nunha casa pequena e sinxela na que medrou e se fixo grande… ata chegar ás fronteiras do que daquela eran distintos reinos; e sempre facendo ben e construíndo.
E podemos lembrar o motivo principal polo que facemos festa: que alguén noso, unha persoa nacida aquí en Lugo, é hoxe recoñecido como alguén cheo de esplendor e recoñecido moito máis aló deste lugar, moito máis aló das nosas fronteiras, moito máis aló deste século…; hoxe lembramos e celebramos que Froilán, lucense, é recoñecido como alguén moi grande por todos, pola Igrexa Universal, como un santo, como un modelo para calquera cristián de calquera lugar e de calquera momento da historia.
Froilán foi un home grande que naceu aquí, lugar no que había unha semente boa, fonda, unha fe que levaba dentro un sentido da vida fundamentado no amor, na xustiza, na paz; Froilán foi parte dunha humanidade grande.
Tódolos galegos sabemos que é preciso sementar primeiro para logo recoller os froitos; e San Froilán é froito dunha tradición concreta, dunha familia, dun pobo que tiña dentro algo moi fondo que fixo xurdir del a alguén tan importante.
San Froilán, como San Paulo, soubo que todo o que podía desexar e facer sería moi grande só con Noso Señor, só seguindo a Xesús. E así o fixo o noso paisano: correu tras Xesús, foi tras El, estudando, traballando, seguíndoo de todo corazón. E por iso, por estar con Xesús, puido dar un froito moi grande, moi forte: ser pai para moitos. Iso é o máis belo e mellor que pode chegar a ser unha persoa: ser pai, ser nai ou, o que é o mesmo, ser fecundo e chegar a dar moitos froitos nos seres queridos, nos seres próximos. Que felicidade hai máis grande que poder un día sentar á mesa con aqueles que medraron grazas a ti?
O que hoxe faremos nas nosas casas será isto: sentar ao carón daqueles que medran por nós, pola nosa axuda, e dan froitos de paz, de humanidade, de xustiza.
Non esquezamos que o primeiro que debemos facer ao celebrar esta festa é aprezar a San Froilán aprezando o seu xeito de vivir e a Aquel el seguiu, a Noso Señor. Celebrar a San Froilán é celebrar a súa vida e celebrar que seguimos ao mesmo Señor ao que seguiu el.
Nós tamén estamos chamados a ser moi grandes, coma San Froilán, cada un polo seu camiño. Cada un de nós estamos chamados tamén a unha grandeza inmensa, todos estamos chamados a dar froito, a ser fecundos, a facer grande a nosa propia humanidade. O camiño é o mesmo para todos, por iso nós hoxe debemos pensar que os nosos maiores fixeron as cousas tan ben que neste día poderemos sentar todos á mesma mesa agradecendo esta semente que está na nosa terra e que foi botada tamén no noso corazón.
Coidemos logo esta nosa tradición e sigamos nós tamén o bo camiño, o camiño do Señor, dando forma á nosa propia existencia para poder así, todos xuntos, seguir dando forma á nosa convivencia en Lugo. Construamos as nosas casas, os nosos pobos, a nosa historia, respectando esta raíz boa, esta raíz que foi amasada con xustiza, con paz, con bondade, con amor verdadeiro, cunha fermosa disposición ao traballo. Gardemos este tesouro valioso que nos foi dado e deámoslle forma á vida como Noso Señor quere: con bondade.
Celebremos hoxe esta festa con esperanza e ledicia. Sabemos que esta nosa vida está destinada a perdurar; un santo é alguén glorioso, é dicir, alguén cheo de vida, entón nós sigamos os pasos de San Froilán para poder un día tamén sentarnos á súa mesma mesa, no Ceo, cheos de vida.