Coa vosa licencia, Soberano Señor Sacramentado,
Irmás e irmáns meus no Señor. Permitídeme, en primeiro lugar, saudar con afecto agradecido a D. Alfonso, Bispo desta Igrexa, que hoxe nos acolle para vivir este memorial do Señor e que me convidou a presidir esta solemne Eucaristía. Ao Sr. Arcebispo metropolitano e aos demais Irmáns no episcopado, ao Cabido Catedralicio desta Igrexa Catedral-Basílica, ás Autoridades civís e militares, membros da Adoración Nocturna e das demais Asociacións Eucarísticas desta querida Diocese. E con especial deferencia saúdo ao Sr. Alcalde da moi querida, nobre e acolledora cidade de Ourense que hoxe presenta a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.
Irmáns e amigos:
Cando san Paulo escribe dende Éfeso a súa primeira carta á comunidade cristiá de Corinto, só desexa lembrar a aqueles fieis un acontecemento que el mesmo garda celosamente na súa memoria, tal como lle foi transmitido: Xesucristo, que como un pai de familia presidía a mesa dos discípulos e lles partía o pan, fíxoo dunha maneira nova e singular na súa última Cea, naquela primeira Eucaristía. O pan que agora daba, xa non era pan, senón o seu propio Corpo entregado e o viño que ofrecía era o seu propio Sangue derramado para a vida do mundo. E dende entón a “fracción do pan” centraliza a vida dos cristiáns, como memoria viva e anuncio perenne do mesmo Xesús crucificado e resucitado.
San Paulo lembra o feito da institución da Eucaristía para poñer de relevo as esixencias que derivan da súa celebración, porque aqueles cristiáns – igual ca nós- precisaban revitalizar a súa identidade como discípulos e testemuñas, no medio daquela cidade buliciosa e paganizada. Os fieis cristiáns, alimentados na mesa da Eucaristía, debían redescubrir que hai unha soa e auténtica sabedoría, a manifestada na cruz de Xesucristo.
Tamén hoxe, no medio das cidades e dos pobos, e entre as súas prazas e as súas xentes, os cristiáns estamos chamados a ser testemuñas que propoñen e comparten, con lexitimidade e mansedume, con ledicia e con verdade, os valores que nacen do Evanxeo, que non son rémoras que obstaculizan a vida social, senón todo o contrario. O xesto que fai da Eucaristía unha memoria, é a entrega de Xesús na cruz, a presenza viva do amor máis grande, o que dá a vida polos amigos. Por iso o papa Francisco dixo que Xesucristo “mentres instituía a Eucaristía, como memorial perenne de El e da súa Pascua, puxo simbolicamente este acto supremo da Revelación á luz da misericordia” (Misericordiae vultus, 7).
Esa misericordia fai que en cada Eucaristía naza o servizo da caridade: “A Eucaristía impulsa a todo o que cre nel a facerse «pan partido» para os demais e, polo tanto, a traballar por un mundo máis xusto e fraterno” (BIEITO XVI, Sacramentum caritatis, 88). De aí que a Eucaristía sexa un acontecemento e un proxecto de fraternidade (XOÁN PAULO II, Dies Domini, 72), que xera, se hai unha participación auténtica na súa celebración comunitaria, un “pulo para un compromiso activo na edificación dunha sociedade máis equitativa e fraterna” (XOÁN PAULO II, Mane nobiscum Domine, 28).
Por iso, a Eucaristía revélanos o seu auténtico sentido cando se converte en escola de amor activo ao próximo (XOÁN PAULO II, Dominicae cenae 6) e nunha gran escola de paz, “onde se forman homes e mulleres que, nos diversos ámbitos de responsabilidade da vida social, cultural e política, sexan artesáns de diálogo e comuñón” (XOÁN PAULO II, Mane nobiscum Domine, 27).
A Eucaristía, dende o principio, é o sacramento mediante o cal se constrúe a Igrexa no tempo presente (S. AGUSTIN, Contra Faustum, 12,20: PL 42,265) no “hoxe” de Deus para nós; así o afirmaba san Agustín xa no primeiro terzo do século V; curiosamente, por esa mesma época, e nesta mesma Igrexa, era consagrado polo bispo de Lugo un bispo para a sede auriense, que por designios da Providencia hoxe presido no Señor. Dende Pentecostés, a Igrexa entendeuse a si mesma coma unha asemblea eucarística. Por iso dicimos con gozo que é a Igrexa a que fai a Eucaristía; pero é tamén a Eucaristía a que fai a Igrexa (H. DE LUBAC, Meditacións sobre a Igrexa, p 112)
Esta certeza de fe e de vida converteuse para os cristiáns en centro de atención das manifestacións de piedade, de tal modo que, para os crentes nada é tan verdadeiro coma esta palabra de verdade: Este é o meu corpo… este é o meu Sangue… Facede isto en memoria miña. Os fillos da Igrexa sabemos que cada vez que comemos deste pan e bebemos deste cáliz, proclamamos a morte do Señor, ata que volva.
Esta intuición existencial da nosa fe converteuse nunha vivencia radical na vida de tantos homes e mulleres, anciáns, novos e nenos, de tal modo que de aí brotou un proxecto de santidade para as súas vidas, porque a nosa participación no corpo e no sangue do Cristo non tende a outra cousa que a transformarnos naquilo que recibimos (S. LEÓN MAGNO, Sermón 63,7: PL 54,357). Xa aquel Pai da Igrexa que mencionabamos antes o dicía con forza e convicción: Non me transformarás en ti como asimilas os alimentos da carne, senón que ti te transformarás en min (S.AGUSTIN, Confesións, VII, 10).
Desta certeza arrinca a praxe cristiá segundo a cal para achegarnos á Eucaristía é imprescindible, pola nosa banda, unha loita constante por adecuar a nosa forma de vivir coa de Xesús e non á inversa, como parece que hoxe o tentan algúns! A participación na comuñón eucarística nunca será un acto social, nin un simple rito externo, nin moito menos un espectáculo, se o fixésemos así profanariamos o sacramento do amor de Deus e fariamos unha afronta ao seu amor misericordioso. A comuñón eucarística supón a graza de Deus en nós, graza que podemos reactualizar a través da recepción do Sacramento da Misericordia – o Sacramento da Penitencia -, por conseguinte, a comuñón eucarística convértese nunha esixencia persoal que envolve toda a nosa vida, por iso é polo que resulta incomprensible que poidamos achegarnos á comuñón do Corpo do Señor e coa nosa mente e coa nosa vida esteamos distantes da “comuñón” da Igrexa. Non se entende a Eucaristía sen a Igrexa, porque é a Igrexa a que fai e nos ofrece a Eucaristía.
A Igrexa pode crer, celebrar, adorar e vivir o Misterio eucarístico, porque Cristo entregouse antes a ela no sacrificio da cruz. Con toda verdade podemos dicir, co apóstolo Xoán, que El nos amou primeiro (1 Jn 4,19). Primereounos no amor -como afirma o papa Francisco-, por iso é polo que a Igrexa que vive da Eucaristía recoñece a primacía do don de Cristo; un don que se fai presente a través do rostro do irmán necesitado.
Sr. Oferente-Delegado das cidades do Antigo Reino de Galicia: na súa ofrenda ao Señor Sacramentado menciona unha serie de problemas que afectan ao noso pobo e ao mundo, porque Galicia ten entrañas de universalidade grazas á xenerosidade e ao arroxo dos seus fillos e fillas que se atopan por moitos lugares da terra. Neles, tanto nos presentes coma nos ausentes percíbense, aínda que ás veces pareza que están agochadas, as raíces cristiás da súa historia e da súa vida.
Esta Igrexa irmá de Lugo, garda no seu corazón, coma o tesouro máis precioso, a fe firme na presenza real de Xesús sacramentado e a adoración perenne do seu amor (A. CARRASCO, Alocución ao final da súa ordenación episcopal, 9.2.2008). Este feito quedou reflectido no escudo desta cidade: Hoc hic mysterium fidei firmiter profitemur. “Aquí profesamos firmemente este Misterio de fe”. Por iso, cara esta cidade do sacramento peregrinamos, desde hai séculos, os fillos e fillas desta terra galega. Hoxe sentimos que toda Galicia fai memoria dunha das súas vivencias máis profundas que configurou as nosas cidades vilas e aldeas: a fe cristiá que resplandece coa forza do amor misericordioso a través dese Deus oculto nas especies sacramentais.
A historia da antiga Gallaecia é un testemuño de piedade e devoción á Eucaristía dende tempo inmemorial, de tal modo que no escudo da nosa bandeira se atopa representado o símbolo da Eucaristía. Non podemos cambiar a historia e moito menos reinventala.
Os fillos de Deus na Igrexa que loitamos por vivir a nosa fe sentímonos cidadáns coma os demais; non esiximos ningún privilexio para vivila, nin para manifestala publicamente, só pedimos liberdade e respecto para as nosas crenzas. Non é xusta que a manifestación externa da nosa fe sexa considerada por algúns unha provocación, nada máis afastado da realidade! O cristianismo non é unha ideoloxía, senón vida, e como tal non podemos pechala nas nosas sancristías; para nós é connatural a súa manifestación externa, que hoxe faremos de modo singular, a través da procesión co Santísimo Sacramento, para que cando pase polas rúas desta antiquísima cidade bendiga aos seus habitantes, ás súas autoridades e a través dos homes e mulleres deste pobo, a toda Galicia. A Eucaristía convértenos e esíxenos ser mellores cidadáns.
Sr. Delegado-Oferente: Con ocasión dos 1700 anos do nacemento de san Martín de Tours mencionou a aquel evanxelizador das Galias cuxa devoción se expandiu por toda Galicia, proba diso son os numerosos templos a el adicados. Del lembrounos ese xesto de caridade que se converteu nun feito emblemático recollido en tantas imaxes e retablos de tantas igrexas diseminadas pola xeografía galega, pero non podemos esquecer que esa obra de misericordia: vestir ao espido, brotou dun corazón namorado de Xesucristo, presente na Eucaristía. Que ese mesmo dinamismo faga de nós auténticos discípulos misioneiros, verdadeiras testemuñas de paz e construtores dunha sociedade máis xusta e solidaria para que a esperanza reine nos nosos pobos e o futuro dos homes e mulleres de Galicia se vexa iluminado pola palabra e a vida do noso Señor Xesucristo, onde seguro que atopará o verdadeiro sentido do auténtico progreso.
Que así sexa!