Homenaxe a Don Elías Valiña

don-elias-valina-lembrado-por-carmen-pugliese

 O pasado día 29 de outubro, Don Elías Valiña (1929-1989) recibía unha homenaxe en Santiago de Compostela. O xefe do Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago, Luis Celeiro, fixo unha semblanza de Don Elías, a quen se referiu como “cura innovador, valente, ilustrado, solidario e sobre todo amante do Camiño de Santiago. Foi un sabio que puxo o seu talento e os seus brazos na acción xacobea e na recuperación dun dos bens máis prezados que temos os galegos e que ten a humanidade. Deixou a vida na loita cotiá pola recuperación do Camiño”.

 O acto estivo presidido polo deán da Catedral compostelana, Segundo Pérez, quen destacou do homenaxeado que “combinase o traballo polo Camiño, a vida pastoral, e a vida intelectual. Sobre isto último non hai máis que ver o traballo inmenso do Catálogo de arquivos parroquiais da Diocese de Lugo”. Segundo Pérez adiantou unha idea que se baralla tamén como homenaxe a Don Elías: colocar un retrato seu na Oficina do Peregrino, xunto aos doutros valedores do Camiño.

 Tamén tivo unhas palabras para Don Elías a investigadora Carmen Pugliese (autora da montaxe que ilustra esta entrada): “Él é o home que, con escaso, case nulo orzamento, máis fixo polo Camiño de Santiago, e fíxoo por amor.”

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: