Pois si, é todo un misterio para moitos galegos e galegas, como se amosou estes días, o feito da Ofrenda do Reino da Galiza. Non mentirei, incluso para min unha muller que leva á Galiza da cabeza, no corazón e o que é máis importante, que a “ceiva” pola lingua, foi toda unha sorpresa cando recen chegada a Lugo me atopei de fronte cuns símbolos, os das armas desta terra asociados xa á memoria colectiva deste país, e cun acto tan singular de afirmación nacional e, tamén, de afirmación eucarística.
O certo é que eu non son unha experta no tema, quen me coñece sabe que eu investigo sobre o código do símbolo, sobre a imaxe e o que hai detrás dela nos “colosos” e nas pequenas igrexas esquecidas do Románico galego; mais, o feito diferencial atopado na Catedral de Lugo, a memoria colectiva deste meu pobo e a singular Ofrenda identitaria, leváronme por curiosidade e por realidade afondar nunha parte da nosa historia.
O feito en si, a Ofrenda ao Santísimo Sacramento na Catedral de Lugo, comeza en 1669 nun momento no que a Catedral achábase na miseria económica, cousa que foi o leave motive na historia desta casa. Chamada a ofrenda dos “1.500 ducados”, esta imitaba a que por parte do Estado se levaba a cabo aos pes da imaxe de Santiago en Compostela, e ámbalas dúas supuñan unha axuda ao culto dos altares maiores destas catedrais. Mais en Lugo fundamentouse coma un acto de identidade propia.
O cáliz, símbolo do banquete eucarístico e fonte de vida e saber, aparece por primeira vez como emblema das armas do Reino no manuscrito inglés de Segar’s Roll, copilado cara 1282. Para uns derivado das antigas lendas e para outros pura invención ou ocasión, ao coincidir fonéticamente Galyce–Calice e presentarse como un símbolo dun reino sen armas, para min –unha medievalista- é canto máis que unha casualidade a elección de dito símbolo nun momento no que o Espírito Xacobeo chegaba aos confíns da Europa medieval. Dita elección, feita por un inglés, ben puido deberse ao ambiente que se respiraba na Europa do século XIII, no que a Presenza Real de Cristo na Eucaristía, sentir continuado da seo lucense e simbolizado no copo, estaba a ser negada por cátaros e valdenses.
Así é como o símbolo da “Magna celebratione divinitatis ibidem divinitus inspirata”, expresión empregada pola raiña Urraca en 1107, e sobre o que “… nocturnis ac diurnis temporibus ministeria celebrant divina” en Lugo, como indican en 1130 os condes Gutierre e Toda, convértese non só no emblema do Cabido lucense, tamén das armas da cidade e no brasón da Galiza. En realidade, e coma indica Pardo de Guevara, os emblemas heráldicos –as armas- no primeiro momento non foron máis que signos persoais de carácter fundamentalmente ornamental, é a historia a que lles fixo adquirir o valor de signos da individualidade persoal ou colectiva, como neste caso.
Completado posteriormente con sete cruces correspondentes ás sete antigas provincias desta terra e representadas na Ofrenda ao Santísimo polos seus alcaldes e alcaldesas, a heráldica cobra vida en Lugo e o pobo reafirma a súa identidade.
Carolina Casal Chico