Chamoume a atención este titular nunha revista especializada en pedagoxía. Asúmoo e divulgo. O poder dos medios de comunicación, a influencia comercial norteamericana, a forte industria televisiva, a atractiva arte cinematográfica de Hollywood, axudados polas nosas sumisas vontades e conciencias pouco críticas e adormentadas, conseguiron a globalización de “Halloween”; e fixérono de tal modo que invadiron os nosos centros comerciais, educativos, rúas e fogares.
Aínda que é un fenómeno relativamente recente na nosa cultura, triunfou con gran celeridade porque regresa a espazos onde tivo as súas orixes. Ademais, é certo, afunde as súas raíces no noso imaxinario colectivo (a Santa Compaña) e en formas e concepcións con estruturas antropolóxicas de gran semellanza coas das nosas sociedades e tempos. Na actualidade, estas celebracións aparecen contaxiadas con novos rituais e formas de culto pagás, inxenuamente aceptadas, especialmente por escépticos, agnósticos e laicistas anticristiáns e arrelixiosos.
Que ninguén se ofenda. Non quero xulgar a ninguén. Tampouco quero demonizar. O que precede soamente é unha breve descrición do que está a pasar. E o que prosegue tamén.
Non sabemos certamente se Halloween ten unha orixe celta, pero si se lle atribúe. Parece que orixinariamente se lle chamaba “samaín”. Celebrábase desde o século VI antes de Cristo o 31 de outubro como final do verán, en Bretaña, Escocia e Irlanda. Acendíanse grandes fogueiras no alto das montañas para escorrentar aos malos espíritos e críase que as almas dos mortos visitaban as súas casas acompañadas de bruxas e espíritos (na nosa terra, o pobre infeliz que se atopaba con tan macabra procesión estaba condenado a sumarse a ela e, para evitar o encontro, colocábanse lámpadas de aceite nas cruces de camiños facilitándolles o paso para asegurarse de que así non se entreterían no lugar). Para aplacar aos mortos, tamén lles preparaban alimentos (deixaban doces e comida ás portas das casas) e disfrazábanse para tratar de asemellarse a eles e así pasar desapercibidos ás súas ameazantes miradas.
Pénsase que, en realidade, nas súas orixes, “Halloween” é festa cristiá. Cando se estableceu o primeiro de novembro en toda a cristiandade como Festa de todos os santos (Gregorio IV, ano 840), probablemente tamén de orixe celta (citada por Arnone, arcebispo de Salzburgo, no concilio de Riesbach), a noite anterior celebrábase unha vixilia chamada en inglés “All Hallow’s Eve” ou “Halloween” (Vixilia nalgunhas das súas acepcións significa, “estar esperto”, “véspera dunha festividade relixiosa” ou “abstinencia para comer carne por motivos relixiosos”).
No ano 998, San Odilón, abade do mosteiro de Cluny no sur de Francia, agregou a celebración de todos os defuntos o día 2 de novembro; pero no cristianismo, as vixilias fomentan o encontro entre irmáns para orar, educan no silencio para pensar e meditar no pasado, o presente e o futuro; educan na austeridade e no xaxún para compartir cos pobres, promoven a posibilidade de manter viva a memoria e unifican ás comunidades para que valoren a herdanza dos antepasados e consérvena con amor e ilusión. Propónsenos ser santos, perfectos como os santos, os grandes santos que foron literatos, poetas, mestres, educadores exemplares que entregaron toda a súa vida por e para os pobres por imitar a Cristo, o Santo dos santos. Deste xeito estamos convidados á perfección. Lémbrasenos que todos estamos chamados á santidade (Concilio Vaticano II).
Pero o que eu vexo nas rúas de Lugo, son pantasmas que chorrean falso sangue vulgarízando o Halloween anglosaxón para nenos. Vexo festas de disfraces entre falso terror e xenuíno alcol, coas rúas cheas de pestilentes e inoportunos regueros de líquidos orgánicos que os individuos (elas e eles) excretan directamente contra a catedral, o instituto, ou a facultade. Parece que todo dá igual. Ninguén lles vai a dicir nada. Están a facelo moi ben. Eles son os que están cheos de orgullo. Non lles digas nada que sempre teñen a razón. É que non hai razón. Xa está durmida.
Esta festa e outras, xa perderon a súa idiosincrasia galega. Coáronsenos como case todo o que vén do Imperio. Coca por viño, vaqueiros por pana e noite por día. Máis gasto, maior ganancia para algúns. O peor é que o pagamos todos cos nosos impostos.
Non hai que estar en contra do foráneo. O que non debemos soportar é a bobada, a grosería e a banalización do belo, da verdade e do bo, porque é sacro.
Para terminar, algo de importación: No 2005, a Igrexa Rusa Ortodoxa (IRO) aconsellara á poboación de Rusia que ignorase a festa do Halloween ‘porque distorsiona a moral dos nenos e convida os mozos ao vandalismo’: O portavoz de ÍROA afirmaba que esta festa é “perigosa para os nenos porque, ao afacerlles a xogar coa simboloxía maligna, tamén se inculca que o mal é unha norma”. E agora, unha pequena suxestión: Por que non dedicamos unha noite aos santos, á contemplación de tantas vidas exemplares, no canto dunha celebración en honra dos monstros dos nosos medos máis terribles? Por que non substituir a personaxes que contribuíron ao ben da humanidade (Gandhi, Martin Luther King, Nai Teresa, Xoán Paulo II…) polas bruxas de Hallooween? En Roma, Venecia e Turín e outras cidades de Europa promovéronse actividades para contrarrestar o efecto “bruxo” e “sanguento” para convertelo en “Hollyveen”, por exemplo, igrexas abertas para quen queiran buscar o silencio e orar, ou facer pasteis nas sancristías para os pobres, así “aforramos” e contribuímos a superar a crise. Menos gasto e máis saúde espiritual e física. Bo día de Santos.
J. Mario Vázquez Carballo (Dr. en Teoloxía)