Fai varios anos organicei un campo de traballo na provincia de Lugo con rapaces madrileños. Nunha das reunións de avaliación sobre a marcha da actividade un dos mozos acusounos aos responsables de ser demasiado esixentes. Outro mozo, que hoxe é médico especialista nun hospital madrileño respondeulle así: “Se nos esixen dar un nivel de 5 damos un nivel 2 ou 3, pero se nos esixen nivel de 10 damos un 7 ou 8”.
Hoxe hai bastante xente que critica á Igrexa e aos curas por propoñer metas e comportamentos que eles con demasiada frecuencia non cumpren. Penso que sería moita autosuficiencia e orgullo propoñerse persoalmente un como exemplo e modelo de vida e de comportamento para os demais.
Se aceptamos que un ten que propoñer para os demais os propios comportamentos e as metas que alcanzou, teríamos que Vicente Del Bosque non lles podería propoñer aos xogadores españois gañar o mundial e a Eurocopa de seleccións, éxitos que el non logrou alcanzar como xogador en activo.
Xa é moi vello este dito que di así: “A gloria do mestre é que o alumno o supere”, aínda que nestes tempos se recorde pouco esta afirmación tan sensata.
Na vida social e persoal é importante ter unha utopía, un ideal de vida, que nos motive a esforzarnos e sacrificarnos para sacar o mellor das nosas capacidades e posibilidades, para medrar persoalmente e mellorar a sociedade para así exercer a nosa responsabilidade no progreso social solidario da humanidade.
En encontros de mozos facíalles con certa frecuencia esta pregunta: “Quen che quere máis, o que che esixe moito ou o que che esixe pouco?” A porcentaxe maioritaria apuntábase á resposta do que “esixe pouco”. Había que explicarlles que o que che quere ben, busca que sexas culto, intelixente, capaz, virtuoso, etc. Ás veces contáballes a experiencia dun educador de militantes dos anos 50 e 60 que organizou un movemento de promoción das entón chamadas “criadas” co nome de “Trabajo y Estudio” (Trayes). Pois el, estando nunha reunión formativa deu unhas preguntas para reflexión persoal e traballo en grupos. Unha muller non escribía e preguntoulle por qué non anotaba as preguntas. Ela contestoulle que non sabía escribir. Preguntoulle se estaba casada e ante a resposta afirmativa e de que o seu marido si sabía ler, díxolle: “Perdoa que che diga que o teu marido non te quere moito, pois se che quixese ben non querería que foses analfabeta…”
Cando nos esixen que nos promocionemos, que deamos o mellor das nosas calidades, capacidades e virtudes, iso pon de manifesto que nos respectan e que son amigos serios. Na escola de psicoloxía da Logoterapia (baseada na 3ª Escola de Viena, a de Viktor Frankl) repítese moito o seguinte texto atribuído a Goethe: “Se tratas a unha persoa como é, fala peor do que é, pero se a tratas como pode chegar a ser, axúdala a mellorar”. Desde esta perspectiva pódese deducir o que cabe pensar ante a persoa que sempre di que a ela téñena que aceptar como é, sen facer o mínimo esforzo por cambiar…
Non podemos esquecer que un cambio persoal non se consegue normalmente nun día ou semana, senón que ten que ser un esforzo progresivo e continuado
Á hora de propoñer metas e ideais para comprometerse unha persoa na vida, nada hai tan esixente ou elevado como o que propón Xesús de Nazaret: “Sede perfectos como o voso Pai Celestial é perfecto” (Mt. 5, 48). Este dito de Xesús maniféstanos que hai tarefa de mellora persoal e comunitaria para toda unha vida, aínda que se vivan máis de cen anos.
Antón Negro
Delegado de Cáritas Lugo