Os avós son os bos da película. Moitas veces viven co desexo de querer dar aos seus netos aquilo que non puideron darlle aos seus fillos. A bondade é connatural ao seu novo rol. Unha verdadeira entrega que non entende de tempo, nin de lugar. Entrega e bondade, os seus dous mellores aliados.
Son bicos, aloumiños, tenrura. Son os brazos onde chorar cando un está triste, os pallasos da festa -se cadra- ou os mellores compañeiros de aventuras. Son animadores deportivos, os fans número un do teu club, uns óptimos creadores de historias, os perfectos cómplices nas falcatruadas e os compañeiros ideais para o estudo.
Aínda que só tivesen un emprego, de súpeto vólvense polifacéticos. Son profesores, xardineiros, cociñeiros, enfermeiros, fontaneiros, electricistas, enxeñeiros, arquitectos… e todo o que os seus netos necesiten.
O seu reloxo excede as 24 horas. A súa semana parece que ten máis de sete días. A súa vida multiplícase con cada sorriso.
Non len a mente, pero saben o que pensas. Non saben hipnotizar, pero durmirse no seu colo é case automático. Quizais non son moi tecnolóxicos, pero o seu teléfono está sempre dispoñible para ti. Aínda que che invadan as présas, cando estás con eles parece que o mundo se detén. Non farán as cousas con moita rapidez, pero saben os mellores trucos para que salga perfecto.
Encántalles dicir que eles molestan, estorban… Pero non é verdade. Sen eles nada é igual.
Son os teus superheroes, os teus mellores amigos, os teus espectadores máis entregados, o teu apoio incondicional, os teus abrazos no inverno e a túa crema de sol no verán.
E cando es neto só desexas: «oxalá, algún día, sexa como el/ela».
E cando miras aos teus pais só pensas: «Que sorte tiveron e canto aprenderon dos mellores profesores!».
Por iso, durante esta pandemia redescubrimos este gran agasallo que temos e tratamos de coidalos como nunca. E un desexo cara a Deus resoa sempre con forza nos nosos corazóns: que os avós sexan eternos, por favor.
Onte, día de Santa Ana e San Xoaquín, os pais da Virxe e os avós de Xesús, celebramos aos patróns dos nosos maiores. Agradezamos ao Señor por eles, os nosos avós, e con renovado empeño coidemos de todos eles. Grazas, Xesús, polos avós!
Nicolás Susena Presas
Director do Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo
e párroco de Castroverde