Na presentación do libro de Óscar González Murado Lecturas y lectores de la Biblioteca Pública Episcopal de Lugo (1771-1835) o pasado 12 de marzo, interveu o decano da Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela, Gonzalo Francisco Fernández Suárez. Fixo as seguintes consideracións:
“Se algo está presente neste traballo, é Lugo, que aparece ao longo de todas as páxinas como o inicio de cada novo capítulo, de cada novo apartado. E iso ao meu ver que ten un dobre significado. O autor deixa ben palpable de onde vén o profundo amor ao espazo no que discurriu boa parte da súa actividade formativa e a experiencia de vida persoal. Pero también grazas a ese discurrir, vainos introducindo cunha grandísima mestría no relato da obra, do que resulta que é unha lectura moi doada e amena no senso de que busca ser unha lectura accesible ao público, sexa experto ou non”.
Tamén destacou “o valiosísimo aparato gráfico e táboas dos riquísimos inventarios e catálogos que se achegan nesta obra e que estou seguro que van a facer as delicias de moitos investigadores e investigadoras interesados no mundo das bibliotecas.
Finalmente valorou a obra de Óscar González Murado como “un auténtico revulsivo, un punto de inflexión importante dentro desta temática e, polo tanto, un referente inexcusable”.