A miña insistencia na necesidade de formarnos e informarnos como cristiáns non é unha teima só miña. Con moita frecuencia hai iniciativas de formación de cristiáns que se organizan desde outros ámbitos distintos á parroquia, como pode ser todo o que se nos ofrece desde a Diocese ou desde outras parroquias ou entidades.
Ademais, agora, é moi doado participar nestas sesións de formación a través de internet, aínda que é verdade que se perde a riqueza de compartir experiencias dos encontros presenciais.
Necesitamos formarnos para dar razón da nosa fe, coñecer a Xesucristo e á súa esposa, a Igrexa, aos que tantas veces acudimos ao longo da nosa vida. Temos que saber por que cremos e que cremos. Non serve a «fe do carboeiro» (crer ás cegas, sen pensar).
E necesitamos informarnos ben sobre as noticias que circulan sobre a Igrexa e algúns dos seus membros. Con frecuencia, as cousas son moi distintas de como nolas contan. Hai moitos bulos e verdades a medias que nos fan ter unha idea equivocada das cousas.
Se de verdade dicímonos cristiáns e somos membros da Igrexa, temos que coñecer ben a quen seguimos, Xesucristo, e o lugar no que o seguimos, a Igrexa.
Neste sentido, aos sacerdotes ofrécensenos sempre desde a Diocese unhas sesións de formación permanente sobre temas de actualidade, como o é este ano a cuestión da eutanasia. Desde hai uns anos, esta formación tamén está aberta aos laicos, polas mesmas razóns presentadas máis arriba.
Miguel Ángel Álvarez
Párroco da Fonsagrada