O venres 16 de decembro, a partir das 9.30 h o Colexio Diocesano A Milagrosa presenta a finalización do seu segundo proxecto educativo. Acto ao que se convida tanto aos pais do alumnado como a todos aqueles que desexen coñecer o centro. Asistirán, ademais, o bispo de Lugo, e autoridades civís.
O colexio, situado na praza do Ferrol, conta coas etapas educativas de educación infantil e primaria, e ten uns 230 alumnos.
Desde este curso a titularidade do centro é da Diocese de Lugo, que potenciou o modelo pedagóxico baseado en proxectos de ámbito, cos que xa conta o Colexio San Lorenzo e que permite unha continuidade entre os dous centros. Con esta metodoloxía o alumnado traballa os 5 bloques de contidos propostos no currículo dun xeito moito máis activo, sentíndose protagonista, conxugando a memorización coa capacidade expositiva e a reflexión propia.
Con esta celebración da aprendizaxe e a xornada de portas abertas, o Colexio pretende mostrar o proceso de aprendizaxe do alumnado e os beneficios múltiples desta pedagoxía implantada recentemente no centro.