“Fai memoria de Xesucristo, resucitado de entre os mortos” (2 Tm 2,8). Todos levamos na mochila da vida recordos agarimosos de algunhas persoas, acontecementos ou lugares. Quizáis o encontro cunha persoa ou unha grata experiencia nos empurrou a cambiar o punto de vista, o enfoque mesmo da nosa vida.
Iso precisamente lles pasa a moitos peregrinos que se acercan a un santuario. Xa sexa ao Cebreiro, aos Miragres de Saavedra, a Nosa Señora do Corpiño, a Santiago de Compostela, a Fátima (Portugal) ou a Lourdes (Francia). Moitos deses peregrinos, ao recordar estas experiencias, poden facer memoria do paso de Xesucristo pola súa vida. Non se trata de momentos de éxtasis, nin fenómenos paranormais, nin moito menos de “cicloxéneses espirituais”. Máis ben é un susurro, un empuxón á confianza, algo moi leve que os remova por dentro, que lles toque as fibras máis internas.
A sociedade actual fai que as persoas sexan desconfiadas, que non queiran que os demais coñezan as súas debilidades. Desconfían do veciño, do médico, do político, do cura, do mesmo Deus… E pensan que só buscan o seu egoísta interese e os queren enganar. Porén cando se senten febles, cando os brotes da enfermidade deixan pegada no seu corpo, cando necesitan que os familiares e amigos lles boten unha man nas tarefas nas que antes eran autónomos, cando experimentan que ter poucos anos non significa estar san, en definitiva, cando a enfermidade e o sufrimento chegan á súa vida, é cando se decatan de que son finitos. Todos quereriamos ser infinitos, valernos por nós mesmos moitos anos, pero a vida dinos o contrario. Nese momento caemos nunha fonda depresión, que só se poderá xestionar e da que só se poderá saír se se encontran persoas axeitadas que nos mostren o cariño necesario.
Son moitos os que nun santuario encontraron a gracia da confianza, da aceptación da súa propia enfermidade, da non rebelión contra o sufrimento. Persoas que nalgún santuario encontraron a gracia de aceptar a enfermidade e saír da etapa de depresión que se dá despois de diagnosticarlles unha enfermidade. Peregrinos que a partir dese momento se encontraron acompañados no sufrimento e sostidos na vida por Deus, que se fixo home en Xesucristo e nos deu a súa Nai, a Virxe María, para que nos console. Bendita enfermidade se lles fai reorientar o punto de vista na vida; se lles fai tomar conciencia da súa finitude, de que o sufrimento foma parte da vida, de que sentir compaixón e axudar ao irmán que sofre é o camiño que nos leva a felicidade nesta vida. E o que é máis importante, a felicidade eterna. O ceo vai ser un gran santuario onde nos encontremos os peregrinos da vida, os que intentamos pasar facendo o ben, como o fixo o noso Mestre e Señor, Xesucristo.
Por todo isto, dende a Hospitalidade de Lourdes da Diocese de Lugo, seguiremos peregrinando ó Santuario de Lourdes. A próxima peregrinación será dende o 25 ata o 29 de xuño. Peregrinamos, en primeiro lugar, para agradecerlle á Nosa Señora, a Virxe María os regalos que cada día da nosa vida nos concede é, en segundo lugar, para facer posible que outras persoas experimenten a gracia de estar nun dos grandes santuarios da Igrexa Católica. E aos que non podedes peregrinar, témosvos moi presentes sempre na oración, para que a Nosa Señora de Lourdes vos manteña fieis ao Señor e vos acompañe coa súa protección.
Manuel Otero Méndez
Consiliario da Hospitalidade de Lourdes na Diocese de Lugo.