O xoves 12 de maio, no Seminario de Lugo, inaugúrase a Exposición de Documentos da Biblioteca do Seminario. Esta biblioteca alberga unha fantástica colección de manuscritos. Valiosos algúns pola súa historia; curiosos, outros, pola súa temática; interesantes todos polo esmero co que foron realizados.
Os variados documentos seleccionados para esta exposición constitúen, na súa maior parte, a memoria escrita da historia do Seminario Diocesano e da cidade de Lugo. Aparecen libros de contabilidade, libros de apuntamentos dos alumnos, salarios dos empregados, receitas médicas para os seminaristas, traballos de alumnos ilustres, alcabalas e os tumbos… Trátase dun percorrido pola historia do Seminario da man duns guías de excepción: os manuscritos.
Estará exposta até o día 15 de xuño, co seguinte horario: de 10 a 13,30 h. e de 17 a 19 h.