Viño e algo + é unha iniciativa conxunta da Diocese de Lugo e un grupo de destacados hostaleiros lucenses para celebrar os 350 anos da Ofrenda do Reino de Galicia.
Desde o 25 ao 30 de xuño dez locais de hostalaría (A Nosa Terra, Paprica, Canedo, Consulado, Cachivaches, Campos, Casa Paco, Fiordilatte, Restaurante España, Vinissi) ofrecerán un viño de denominación de orixe Ribeira Sacra e unha tapa ou unha especialidade da casa. Os consumidores recibirán unha tarxeta con datos históricos/curiosidades referentes ao devandito acontecemento e á Catedral. Porque do que se trata é de promocionar a singularidade da Catedral lucense, así como toda a súa riqueza e importancia tanto relixiosa como artística e cultural.
O Centro Eucarístico Lucense, o cabido da Catedral e a Diocese de Lugo desexan destacar que a aparición do cristianismo supuxo un empuxe extraordinario para a propagación e o desenvolvemento do cultivo dos viñedos da Ribeira Sacra. Coa elección dos viños desta denominación únense tamén á proposta de candidatura para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade, como o é desde 2015 a Basílica de Lugo.
A necesidade do viño para a consagración e a celebración da Santa Misa, fixo que as primeiras comunidades cristiás e os primeiros Padres da Igrexa fomentasen a súa produción. Deste xeito, o pan e o viño para o cristianismo non son uns meros produtos. O “tomade e comede” e “tomade e bebede” de Xesucristo na Última Cea convérteos en algo máis que símbolos, de feito, son mediación para a Presenza Real na Eucaristía.