Este domingo celebramos a solemnidade da Ascensión e a Xornada Mundial das Comunicacións Sociais. Xesucristo ascende ao ceo e encárganos que difundamos polo mundo enteiro a boa noticia do amor misericordioso de Deus, que resucitou ao seu Fillo para salvarnos.
A evanxelización e a Igrexa sempre estiveron moi unidas aos medios de comunicación. A palabra “evanxeo” significa “boa noticia”. Nas páxinas da Sagrada Escritura atopamos multitude de “momentos xornalísticos” nos que se transmiten noticias de moita importancia para que a humanidade non perda a esperanza dun mundo mellor e de alcanzar a Xerusalén celestial.
Grazas á comunicación podemos atoparnos coa misericordia de Deus e todo o que isto implica. Estamos chamados a ser testemuñas do amor entrañable de Xesucristo á humanidade, pola que padeceu a morte na cruz. Pero coa súa resurrección resucitamos todos.
Ninguén nos amou tanto, ninguén fixo tanto por nós, ninguén nos mirou así, con infinita misericordia. Unha noticia así ten que ser coñecida.
Para coñecer máis e mellor o Evanxeo de Xesucristo e a vida da Igrexa utilicemos os medios de comunicación (os clásicos e os modernos: redes sociais, internet…). Tamén me atrevo a suxerirlles que contrasten ben as noticias, pois ás veces cóanse informacións falsas ou manipuladas. Na actualidade temos recursos suficientes para coñecer todo dunha forma inmediata e acceder directamente ás fontes. As palabras e escritos do Papa, por exemplo, están dispoñibles na web do Vaticano, polo que non necesitamos intermediarios que nos “traduzan” o que o Papa quere dicir.
Estou convencido do poder e a eficacia dos medios de comunicación. Agora todos temos acceso a eles, non só para recibir noticias senón tamén para dalas e para compartir a nosa fe. Este é, por exemplo, o obxectivo de Parroquia-e, a folla parroquial de San Froilán que agora fai 2 anos empezou, vía correo electrónico, a dar a coñecer a vida parroquial e diocesana para facer máis unidos o camiño da fe.
As redes sociais axudan a atoparnos con persoas das que non se sabía nada había tempo, pero tamén serven para recibir en pequenas doses sementes de Evanxeo para un encontro fecundo coa misericordia de Deus.
Miguel Ángel Álvarez