Hai datas que aluman con luz propia, que chaman a atención para celebralas con máis relevancia. Unha destas datas é o Corpus Christi. Festa que brilla con cores luminosas e que enche de gozo e alegría a cantos cremos e adoramos o divino Corpo e Sangue de Xesucristo, verdadeiramente presente na hostia consagrada.
Imaxino aos apóstolos contendo o alento cando o Señor toma o pan e pronuncia esas palabras xa para sempre verdadeiras. “Isto é o meu Corpo” “Este é o meu Sangue”. Asombro e gratitude. Don do ceo. Presenza eterna. Alimento de salvación.
Na presenza real de Cristo nas especies consagradas crese ou non se cre. Pero no caso de crer, como non sentir un estremecemento gozoso por tal presenza? É terrible saber que Deus está entre nós e nós non o apreciamos o suficiente. Ámase a Eucaristía só desde o asombro. Non pola porta da razón nin das sabedorías humanas. “Non dubiden se é verdade ou non, máis acepten con fe as palabras do Salvador; posto que El é a Verdade, non mente”. (San Cirilo).
Di San Xoán Paulo Il: “A presenza de Cristo na Eucaristía lévanos a sentimentos de gran asombro e gratitude” (Ecclesia de E. 5). É imposible entender a vida da igrexa sen a Eucaristía. Porque non é unha páxina máis da vida de Cristo, como unha anécdota. A Igrexa recibiu a Eucaristía de Cristo non como un don entre outros moitos senón como o don por excelencia, porque é o don de si mesmo.
“A adoración do Santísimo Sacramento ten unha importancia destacada e convértese en fonte inesgotable de santidade. A participación devota dos fieis na procesión eucarística na solemnidade do Corpo e o Sangue de Cristo é unha graza de Deus, que cada ano enche de gozo a quen toman parte nela. E poderíanse mencionar outros signos positivos de fe e amor eucarístico” (Ecclesia de E 10).
Por iso, é fermoso estar con El, reclinarnos sobre o seu peito como o discípulo predilecto (cf. Xn 13, 25), palpar o amor infinito do seu corazón. Como non agradecer estar longos intres en conversación espiritual, en adoración silenciosa, en actitude de amor, ante Cristo presente no Santísimo Sacramento?
Daniel García García
Párroco de San Lourenzo de Albeiros e San Xosé das Gándaras