O venres, 4 de marzo, ás 20 horas, na igrexa parroquial de Lalín, celebrarase unha Eucaristía pola paz ante o ataque militar contra Ucraína.
Na celebración participarán cidadáns ucraínos e rusos residentes nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Ademais, a colecta que se faga durante a mesma destinarase a Cáritas Ucraína, respondendo así á petición feita polo bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco: “Dada a situación que viven as xentes a consecuencia da guerra, ofrezamos a nosa axuda a través de Cáritas en Ucraína. É un signo de apertura ao próximo e ás súas necesidades, pero tamén de conversión de todas as cobizas e os odios, que impiden a paz.”.