Estrear é usar algo por primeira vez. A estrea leva consigo certo encanto, algunha presunción e tamén algunha responsabilidade para evitar que a peza estreada non se deteriore.
De todo o que posuímos as persoas, a máis importante é a vida. A vida pode considerarse baixo distintos aspectos: vida social, vida familiar, vida laboral, e vida relixiosa.
Socialmente contempladas, as persoas non somos illas bañadas por distintas augas, senón seres humanos chamados a relacionarnos uns con outros. As relacións vívense a distintos niveis: nivel de respecto mutuo; nivel de convivencia veciñal; nivel de convivencia amical, e de colaboración…
Os niveis de relacións de convivencia rexuvenecen a vida das persoas, e a convivencia social enriquécese, cando os veciños teñen unha convivencia cordial.
A vida familiar intégrana os pais cos seus fillos, e estes cos seus irmáns. O amor conxugal, enriquecido con agarimo paterno e a fraternidade dos irmáns, fai do fogar unha familia na que abundan os detalles de delicadeza mutua, e estes comportamentos son os mellores ingredientes, para que a vida de familia sexa fonte de felicidade e de bo vivir.
A responsabilidade laboral de todos os que conviven baixo o mesmo teito, garante a abundancia de pan para os comensais que comparten a mesma mesa, e garante tamén a conciencia de que o home é un ser para os demais e de que a súa misión é facer felices aos que viven ao seu carón.
A dimensión relixiosa eleva ás persoas a unha nova categoría. Xa non son simplemente as motivacións terreas as que regulan os comportamentos dos homes: as nosas relacións están motivadas agora pola afiliación divina, que nos converte en irmáns, iguais en dignidade, chamados a cumprir a vontade de Deus, que desexa que procuremos o benestar dos demais.
A nosa misión é cumprir a vontade de Deus, que se encarna en nós para dar e para recibir. O amor é o primeiro valor que recibimos de Deus, o cal se fai o noso receptor en cada un dos nosos semellantes. Cada persoa é «un ti de Deus», que estende a súa man esperando a nosa ofrenda filial. Isto esixe a dádiva dun mesmo, porque «iso é amar: darse uno mesmo; dar alegría e felicidade».
A enfermidade que padece o noso mundo non é a falta de pans, é a falta de amor. O corazón é a zona máis deprimida da sociedade actual, dicía a M. Teresa de Calcuta. Fabricamos máquinas xigantescas de produción, pero fáltalles o aceite do amor fraterno. O corazón que palpita no noso peito é estéril: non consegue que a rega da fraternidade vitalice o noso mundo.
É urxente un transplante de corazón, para poder estrear unha sociedade plenamente feliz, como o espera o Señor. Este é o noso labor ao regresar das nosas peregrinacións: estrear unha vida nova e mellor.
Indalecio Gómez Varela
Cóengo da Catedral