“O amor –“cáritas”– sempre será necesario, mesmo na sociedade máis xusta. Non hai orde estatal, por xusta que sexa, que faga superfluo o servicio do amor. Quen intenta desentenderse do amor disponse a desentenderse do home en canto home. Sempre haberá sufrimento que necesite consolo e axuda. Sempre haberá soidade. Sempre se darán tamén situacións de necesidade material nas que é indispensable unha axuda que mostre un amor concreto ó próximo. O Estado que quere prover todo, que absorbe todo en si mesmo, convértese en definitiva nunha instancia burocrática que non pode asegurar o máis esencial que o home aflixido -calquera ser humano- necesita: unha entrañable atención persoal”. (nº 28 Deus Cáritas Est).
Parece demasiado optimista Bieito XVI nesta súa 1ª encíclica sobre un Estado xusto que ¡ata pensa que pode solucionar tódolos problemas de pobreza e inxustiza!. Aínda así, sempre habería unha necesidade de atención persoal que o Estado non pode dar. Pero a realidade é que a orde estatal está moi lonxe desa xustiza que espera o Papa como imos ver a continuación en España.
ALGÚNS DATOS DE CÁRITAS ESPAÑOLA A PROPÓSITO DESTA CRISE
Unha ou dúas veces ó ano o Observatorio da Realidade Social (en adiante ORS) da Confederación das Cáritas Españolas publica un informe sobre o quefacer de Cáritas na atención os pobres e sobre a súa realidade. Destes informes últimos entresacamos algúns datos:
1º Sobre o número de persoas atendidas en Cáritas:
No ano 2007 atendeuse a 417.198 persoas desde os servizos de ACOLLIDA e ASISTENCIA, e no 2008 a 597.172 (xa en Xuño de 2008 se levaba atendido o 77,3% de tódalas demandas que houbo no 2007). As atendidas no 2010 son 1.282.000, 47.779 en Galicia (¿cantas persoas serán se lles sumamos as cargas familiares?).
2º. A tardanza na tramitación das axudas (ORS de Xuño 2010):
– A demora para concertar unha primeira cita ou entrevista inicial nos Servizos Sociais Públicos (en adiante SSP) é de 26 días como media, case un mes e en CÁRITAS é de 5 días (un 23 % do tempo). Ademais nun terzo das Cáritas destacan que non hai cita previa e que se fai a entrevista inicial o mesmo día no que veñen a solicitar a axuda.
– O tempo medio entre a primeira cita e a resposta efectiva (tempo de tramitación e xestión das respostas) é de 82 días nos SSP, case tres meses, e en CÁRITAS é de 9 días (un 11 % do tempo). As urxentes e graves resólvense no mesmo día (alimentos, medicinas e roupa -se hai menores a cargo-, pago de subministro por ameaza de desahucio, etc.). Outras, como a solicitude de formación para o emprego, levan un proceso máis longo.
– O tempo que pasa entre a solicitude da RENDA MÍNIMA de INSERCIÓN (prestación considerada como un dereito) por parte dos SSP e o cobro efectivo é de 122 días como media no 2009, (de 98 días no 2008). Os beneficiarios dela en 2008 foron 58.613 e no 1º semestre de 2009 son 115.803, un incremento do 97,57% (ORS de Dec. 2009).
Sobran comentarios a estes datos.
3º Derivacións por parte dos Servicios Sociais Públicos
Segundo o ORS de Decembro de 2009, o 52% das persoas atendidas por Cáritas veñen derivadas dos SSP, (nunhas Cáritas o 10% e noutras o 90%). Os SSP só asumen algunhas das derivacións que Cáritas realiza, mentres que Cáritas asume case tódalas dos SSP.
E o ORS de Xuño de 2010 sinala que a DERIVACIÓN desde os SSP supoñen o 42% das persoas atendidas en Cáritas –como media-. (A experiencia ensina a non acudir ós SSP).
Feito relevante deste fenómeno é que maioritariamente a derivación é de carácter informal, o que evidencia a precariedade do sistema público. Así non queda constancia por escrito deste feito tan coñecido coma estendido. Algúns axentes de Servizos Sociais evitan así elaborar informes sociais e de derivación indicando mesmo ás persoas atendidas que non digan a Cáritas que acudiron ós Servizos Sociais Municipais.
Na derivación desde os SSP a Cáritas temos un 45 % informal, (aínda que se informa verbalmente), un 38% sen ningún tipo de información e só un 17% formalizada.
Estas persoas, ó vir “derivadas” dos SSP, entenden que Cáritas está “obrigada” a resolver os seus problemas, e descargan a miúdo a súa tensión sobre os axentes da institución, ós que esixen unha solución. ¡¡Así unha deficiencia dun sistema público, xera un dereito subxectivo ante unha entidade privada!!.
4º. Persoas non incluídas na atención dos Servizos Sociais
O perfil de persoas e familias EXCLUÍDAS DA ATENCIÓN dos SSP porque non encaixan nos recursos nin no funcionamento ordinarios é:
- Non empadroados ou cun tempo inferior ó establecido para recibir axuda (6 meses ou 1 ano). Os que viven en habitacións ou pisos compartidos onde no poden empadroarse.
- Inmigrantes en situación irregular.
- Persoas sen fogar .
- Persoas con problemas cronificados (enfermidade mental/crónica, drogodependentes, sen fogar…)
5º. ¿Que lle piden os Servizos Sociais a Cáritas? e ¿Como responde Cáritas?
Os servizos sociais municipais pídenlle a Cáritas que asuma as derivacións de casos urxentes con necesidades básicas (66%) ou que ofreza servicios para cubri-las mesmas coma roupeiros ou comedores (7%) ou ambas (27 %)
A resposta de Cáritas a estas peticións é, principalmente, asumir ditas derivacións de necesidades básicas, roupeiro e comedor.
CONSTATACIÓNS:
A) Vemos unha deixación de responsabilidades das autoridades civís con respecto ás necesidades primarias dos cidadáns.
B) Os SSP teñen a obriga de atender a tódolos cidadáns sen discriminacións, mentres que un grupo privado podería priorizar ou dedicarse só os do seu grupo, aínda que non sexa exemplar eticamente.
C) Socialmente e politicamente hai que concluír que a principal rede de servicios sociais e de apoio ós pobres é a que desenvolve a Igrexa, aínda que non se lle pode esixir iso nunha sociedade democrática.
D) Temos socialmente un grave problema no da responsabilidade (ou máis ben irresponsabilidade) dos cidadáns. Predomina a desconfianza institucionalizada, a necesidade de vixías e de vixías de vixías.
E) Organizar e mobilizar a todas estas persoas para que esixan os seus dereitos poñería en graves dificultades a calquera goberno.
EPÍLOGO:
Rematamos cun breve texto da encíclica citada ó comezo:
“A misión dos fieis é, por tanto, configurar rectamente a vida social, respectando a súa lexítima autonomía e cooperando con outros cidadáns segundo as respectivas competencias e baixo a súa propia responsabilidade. Aínda que as manifestacións da caridade eclesial nunca poden confundirse coa actividade do Estado, segue sendo verdade que a caridade debe animar toda a existencia dos fieis laicos e, por tanto, a súa actividade política, vivida como «caridade social».” (nº 29).