As persoas que lemos podemos atopar textos que son clarificadores para un mellor coñecemento da realidade. A continuación transcribo un que podería deixalo como se fose meu, pero considero máis oportuno neste momento facelo como cita literal:
“Salta ós ollos de todos, en primeiro lugar, que nos nosos tempos no só se acumulan riquezas, senón que tamén se acumula unha descomunal e tiránica potencia económica en mans duns poucos, que a maior parte das veces non son donos, senón só custodios e administradores dunha riqueza en depósito, que eles manexan á súa vontade e arbitrio.
Dominio exercido da maneira máis tiránica por aqueles que, tendo nas súas mans o diñeiro e dominando sobre el, apodéranse tamén das finanzas e dominan sobre o crédito, e por esta razón administran, diríase, o sangue do que vive toda a economía e teñen nas súas mans así como a alma da mesma, de tal xeito que ninguén pode nin aínda respirar contra a súa vontade.
Esta acumulación de poder e de recursos, nota case característica da economía contemporánea, é o froito natural da ilimitada liberdade dos competidores, da que sobreviviron só os máis poderosos, o que con frecuencia é tanto como dicir os máis violentos e os máis desprovistos de conciencia.
Tal acumulación de riquezas e de poder orixina, á súa vez, tres tipos de loita: lóitase en primeiro lugar pola hexemonía económica; establécese logo o rudo combate para apoderarse do poder público, para poder abusar da súa influenza e autoridade nos conflitos económicos; finalmente, pugnan entre si os diferentes Estados, xa porque as nacións empregan a súa forza e a súa política para promover cada quen os intereses económicos dos seus súbditos, xa porque tratan de dirimir as controversias políticas xurdidas entre as nacións acudindo ó seu poderío e recursos económicos.
Ultimas consecuencias do espírito individualista na economía son esas que vós mesmos no só estades vendo, senón tamén padecendo: a libre concorrencia destruíuse a si mesma; a ditadura económica apoderouse do mercado libre; por conseguinte, ó desexo do lucro sucedeu a desenfreada ambición de poderío; a economía toda fíxose horrendamente dura, cruel, atroz…”
Este texto téñoo empregado nas miñas actividades en diversos contextos. Cando pregunto quen será o seu autor as respostas son do máis plural e incorrectas. Pouco despois da crise de 2008 e do rescate que se fixo de certas institucións de crédito, dixéronme nalgún claustro de profesores que describía a situación económica tal e como era. Nalgunha exposición formativa que teño feito, onde había persoas que si tiñan lido o documento do que procede o texto, non lograron recoñecelo.
Isto lémbrame o que lle sucedeu a Guillermo Rovirosa segundo nos contou un gran amigo seu. Rovirosa na metade do século pasado fixera un artigo para unha revista da diocese de Madrid e o censor tacháralle moitas liñas e parágrafos. Cando Rovirosa viu as correccións díxolle que lle acababa de ensinar o moito que lle faltaba para ser fiel ó maxisterio da Igrexa, porque en todo o tachado non había nada do escrito por el, senón que eran afirmacións literais do maxisterio. Entón o censor comentoulle que deberían ir os textos do maxisterio entre comiñas, ó que Rovirosa respondeu que non, pois el quería facer pensamento propio as ensinanzas da Igrexa. Por iso ten lóxica, e non nos debería estrañar, que Guillermo Rovirosa estea hoxe en proceso de beatificación na Igrexa.
Certamente que hoxe tamén moitos cristiáns suprimiriamos o texto que citei antes, porque non o considerariamos concordante coa fe cristiá. De feito non está incluído en diversos programas de formación cristiá. O texto pertence á encíclica Quadragesimo Anno de Pío XI, números 105 – 109. Do texto suprimín as palabras que teñen por finalidade dirixirse ós lectores e personalizalos, e que son: “venerables irmáns e amados fillos” (nº 109), pero que non engaden nada ó contido da citada encíclica papal.
Finalmente, tamén sorprende que este texto non apareza citado por persoas de fóra da Igrexa e que, a min non me cabe dúbida, estarían de acordo cos contidos destas afirmacións do papa Pío XI, ou acaso estou esaxerando?
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas