O 23 de febreiro no Seminario Diocesano de Lugo o doutor en Filosofía Xosé Manuel Domínguez Prieto dirixe un Curso de Acompañamento de feridas emocionais na educación, tema sobre o que responde a continuación.
– Que son as feridas emocionais?
– Todas as persoas estamos feitas para ser amadas. Cando no transcurso da nosa vida, sobre todo na nosa infancia, houbo momentos nos que non fomos queridos, burláronse de nós… e iso deixa unha pegada á que chamanos ferida emocional. Esta influirá na nosa vida e ata que nos fagamos conscientes dela e pasemos de vítimas da situación a autores das nosas vidas. Isto esixe unha madurez emocional.
As feridas emocionais son habitualmente na infancia, pero ao longo da nosa vida temos feridas cando non nos recoñecen, non nos aprezan, non nos abrazan, non nos consideran… é dicir, non nos tratan como persoas.
– Como se detectan nas persoas máis vulnerables, que é o caso dos máis pequenos?
– As feridas emocionais detéctanse sempre por comportamentos alterados, destrutivos. Nun adulto, cando hai respostas desproporcionadas.
– Por que importante que o profesorado saiba acompañar?
– Moitas veces os problemas académicos non teñen a súa orixe nun baixo rendemento intelectual, senón en bloqueos emocionais producidos por unha baixa autoestima e por manifestación desas feridas. Así que detectar esas feridas e ter en conta o manual de primeiros auxilios para estes casos é algo fundamental para recuperar a normalidade. Isto é básico para un orientador ou un tutor.
– E no caso dos pais
– Comportamentos raros, agresivos ou de illamento non é necesariamente un mal comportamento sen máis. O neno chama a atención desa maneira. Vén dicir “Teño moita necesidade de ser querido e non hai quen me atenda esa necesidade”.
– Algunha clave para acompañar
– Cando o neno berra ou ten un comportamento irascible dunha maneira incomprensible o que non se debe facer é dar un conselliño rápido e atallar a cuestión. Algo que empeora as cousas é dicir ao neno que é malo… Iso non vale para nada. O que necesita o neno é ser escoitado, atendido, con moito cariño e sen alteración por parte do adulto. Outra medida inmediata é facerlle ver ao neno a realidade doutra maneira, que pode facer cousas para cambiar a súa situación e que nós recoñecemos a súa necesidade. Tamén é importante tomar conciencia de que a vida merece a pena e isto procede do amor incondicional do outro.