Santiago acolleu o 6 de xullo un encontro dos representantes das delegacións de Familia, Centros de Orientación Familiar diocesanos, institucións de apoio á familia ou ao menor dependentes das dioceses de Galicia, e do Servizo pastoral interdiocesano de atención a menores, persoas vulnerables e as súas familias.
O obxectivo desta reunión, convocada polo bispo responsable da pastoral familiar en Galicia e auxiliar de Santiago, Mons. Francisco José Prieto, era a de xerar un espazo de encontro e reflexión conxunto para articular actuacións que melloren a acollida, escoita e acompañamento ás familias, e todas as súas realidades.
Aínda que cada diocese conta con distintos recursos e proxectos no ámbito familiar, os bispos da Provincia Eclesiástica pretenden dar un paso máis e sumar recursos en clave de “sinodalidade interdiocesana” coa intención de dar resposta, dun xeito coordinado, ás necesidades de apoio que necesitan as familias no ámbito formativo, terapéutico ou de acompañamento pastoral.
Nesta primeira reunión de traballo explicáronse as claves desta rede de traballo e puxéronse en común os distintos servizos existentes xa nas dioceses coa finalidade de analizar os recursos de que se dispoñen e as necesidades ás que é nece sario facer fronte. Esta actuación inicial marca un punto de partida do traballo que se levará a cabo nos seguintes meses para elaborar unha proposta interdiocesana concreta e a posterior creación dun equipo coordinador.