O luns 20 de maio no salón de actos do Seminario presentáronse os movementos e confrarías da Diocese para unha toma de contacto para levar a cabo un traballo conxunto de cara ao vindeiro curso e baixo a coordinación de Miguel Asorey Otero, que presidiu o acto. Ao final do mesmo interviu Miguel Ángel Mouriz Lamas, que participou no Encontro de Laicos sobre o Primeiro Anuncio o mes de febreiro en Madrid. Comentou os obxectivos do Encontro para que os movementos da Diocese os faga propios e que se reflexione sobre eles sabendo que se está en comuñón coa Igrexa:
Eses obxectivos son:
- subliñar a comuñón das distintas vocacións do Pobo de Deus;
- insistir na vocación bautismal, que nos fai evanxelizadores;
- tomar conciencia de que todos os ámbitos sociais son espazos privilexiados para o anuncio do Evanxeo;
- e concretar e impulsar procesos e proxectos para os vindeiros anos que axuden na tarefa do Primeiro anuncio e faciliten, a través da formación e mediante camiños de discernimento comunitario, a creación de espazos de acollida, escoita, diálogo e acompañamento nos distintos ámbitos, así como a construción de estruturas que favorezan a evanxelización.
Miguel Ángel Mouriz tamén lembrou os conceptos que máis soaron no Encontro: anuncio, acompañamento, formación, vivencia da fe, comuñón, testemuño, compromiso.