O pasado sábado 6 de outubro as Delegacións de Misións galegas tiveron un encontro na Parroquia San Francisco Xavier (Lugo). Acudiron misioneiros, familiares e grupos de animación misioneira. O misioneiro xaveriano Rolando Ruíz deu inicio ao encontro cunha conferencia sobre o lema do DOMUND deste ano: “Cambia o mundo”. Despois, en distintos grupos sacáronse conclusións sobre a conferencia. Nun deses grupos a irmá Adelaida, misioneira do Divino Mestre, que estivo en Camerún, e que proximamente irá á República Democrática do Congo, comentou que os misioneiros de vangarda, os que están nas misións, non serían nada sen os misioneiros de retagarda, que animan a seguir o seu labor, a non sentirse tan sós e son os que durante todo o ano axudan no labor misioneiro desde aquí.
Á hora da comida puido comprobarse a arte culinaria colombiana, grazas a un matrimonio da Parroquia.
Na sobremesa houbo un tempo de diversión co mago lucense David Méndez, e un compañeiro de León.
A media tarde celebrouse a Eucaristía lembrando a todos os misioneiros.
Finalmente, pasouse un vídeo sobre Anastasio Gil, director nacional de Obras Misionais Pontificias, falecido recentemente, e que acompañara o pasado DOMUND a todas as Delegacións galegas co seu gran espírito misioneiro.