O sábado 18 de xaneiro na Casa de Exercicios de Santiago de Compostela tivo lugar o VII Encontro interdiocesano de pastoral penal de Galicia. Este ano baixo o lema “Aprendendo a incluír” e coa asistencia do arcebispo compostelán Mons. Julián Barrio
A xornada iniciouse cun intre de oración e unhas palabras do bispo de Ourense Mons. Leonardo Lemos, para quen “non abonda que a Administración funcione ben, que funciona; os voluntarios acollen, acompañan, escoitan… Isto último é moi importante como paso previo ao diálogo”. Tamén sinalou que toda a dinámica xorde dos corazóns dos voluntarios tendo un punto de referencia: Xesucristo.
María Yela García encargouse dos relatorios “Ferramentas do Voluntariado de Pastoral Penal antes, durante e trala prisión”. Ela foi psicóloga do corpo superior de Institucións Penitenciarias e actualmente é Delegada da Pastoral Penal de Madrid. Nunha das súas intervencións, María Yela enumerou os puntos que identifican aos voluntarios da pastoral penal:
– Esperanza no cambio, ser axentes de perdón, de anuncio, axuda, gratuidade.
– Son testemuñas do encontro con Xesús
– Son o evanxeo que os demais coñecerán
– Non hai un encontro só entre dous senón entre tres: voluntario, persoa coa que está o voluntario (preso, vítima, familiar…) e Deus.