Educación e saída laboral: nova oferta de Ciclos Formativos en Lugo

Fronte á demanda laboral, o Colexio Diocesano San Lorenzo incorpora para o vindeiro curso 2021-2022 catro Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior: Guía no Medio Natural e Tempo Libre, Técnico Superior en Acondicionamento Físico, Técnico de Emerxencias Sanitarias e Técnico Superior en Hixiene Bucodental.

A Educación Profesional é un punto de encontro entre a demanda do mercado laboral e aqueles alumnos que desexan iniciar o seu camiño profesional. Segundo o Ministerio de Educación e Formación Profesional de España as matrículas destes ciclos creceron un 20% no últimos seis anos. Con todo, moitos interesados quedan nas listas de espera debido á escaseza de prazas existentes. Atendendo a esta necesidade, o Colexio Diocesano San Lorenzo (Seminario Menor de Lugo) acaba de incorporar catro Ciclos Formativos de Grao Medio e Superior. Dous deles son de formación deportiva (Técnico en Guía no Medio Natural e Tempo Libre e Técnico Superior en Acondicionamento Físico) e outros dous están relacionados ao actualmente demandado campo do traballo sociosanitario (Técnico de Emerxencias Sanitarias e Técnico Superior en Hixiene Bucodental).

Oportunidades profesionais para mozos e para todo o mundo

A metodoloxía de aprendizaxe dos ciclos formativos dota de coñecemento e habilidades aos estudantes para habilitalos a unha pronta inserción no mundo profesional. Os módulos combinan materias teórico-prácticas coa Formación en Centros de Traballo (FCT). Os catro programas constan de 2.000 horas repartidas en dous cursos académicos integrais. Á formación de Grao Medio pódese acceder cun título ESO e para os Ciclos Formativos de Grao Superior é necesario contar co título de Bacharel. Os Ciclos Superiores facilitan o posterior acceso á universidade e permiten convalidar créditos.

O título de Técnico en Guía no Medio Natural e Tempo Libre forma aos mozos para planificar e dirixir actividades lúdico-deportivas en diferentes contornas naturais. Algunhas das saídas profesionais que ofrece son: socorrista no medio natural, monitor/a de tempo libre, guía ou instrutor/a de grupos de diversas actividades, coordinador/a en empresas de actividades de tempo libre.

O Ciclo Superior en Acondicionamento Físico é ideal para quen estean interesados en desenvolver unha carreira profesional vinculada ao adestramento físico para todo tipo de persoas e en diferentes espazos de práctica (ximnasios, salas de adestramento funcional, piscinas, aire libre), xa sexa como adestrador/a, instrutor/a, promotor/a, coordinador/a, ou roles afíns.

Para os ciclos de formación deportiva, ademais das instalacións coas que conta o Colexio Diocesano, asináronse varios convenios de colaboración: co Centro Deportivo FORUS Lugo, onde se realizarán algúns dos módulos (e todos os alumnos dos ciclos deportivos serán socios do Centro durante o curso) e co Club Hípico da Cruz, ademais de futuras colaboracións con outras realidades presentes na cidade.

O título de Técnico de Emerxencias Sanitarias habilita aos mozos a levar adiante tarefas sanitarias de nivel básico en situacións de emerxencia individuais, colectivas ou de catástrofe. A formación permite asistir ao persoal médico en operacións de evacuación e traslado de pacientes ou vítimas a centros sanitarios, aplicando técnicas de soporte vital e de atención básica inicial en situacións de emerxencia, prestar apoio psicolóxico básico, verificar o funcionamento básico dos equipos médicos e medios auxiliares de vehículos sanitarios, entre outras cousas.

O Colexio Diocesano San Lorenzo asinou un convenio con Salutrans (Sanitaria Lucense de Transportes S.L.) para o desenvolvemento de parte da formación deste ciclo co seu apoio, e todos os seus alumnos realizarán tamén froito desta colaboración o Curso de Desfibrilador Semiautomático (DESA).

O Ciclo Superior en Hixiene Bucodental capacita en prevención e asistencia técnica dentro dun equipo de saúde bucodental, xa sexa no ámbito público ou no privado. Estas inclúen a exploración, a avaliación, a promoción e a realización de técnicas odontolóxicas en colaboración con odontólogos ou médicos.

Educación Superior integral e de alta calidade

O Colexio Diocesano San Lorenzo conta con varios laboratorios, aulas-taller, un polideportivo cuberto, pistas en exteriores, unha biblioteca con máis de 100 mil volumes, e outros espazos e instalacións que están ao servizo da Formación Superior. É unha das poucas alternativas privadas para realizar esta formación. Segundo o reitor do Colexio, David Varela Vázquez, “a iniciativa quere adherirse ao Pacto Educativo Global proposto polo Papa Francisco, comprometéndose ‘con valentía para dar vida, nos nosos países de orixe, a un proxecto educativo, investindo as nosas mellores enerxías e iniciando procesos creativos e transformadores en colaboración coa sociedade civil’.”

Para todos os interesados nesta oferta, o Colexio Diocesano San Lorenzo xa ten aberta a matrícula para os Ciclos Formativos 2021-2022. A inscrición pode realizarse en 

www.colegiodiocesanosanlorenzo.org

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: