Querido Deus Pai con corazón de Nai.
Nesta noite cada un/unha trae moitos gozos, moita historia ás costas, moita esperanza, moita loita. A noite trae un silencio, tan necesario e que convida a repousar. Silencio ao cal acudimos cando un precisa entrar no seu interior, ao máis íntimo do existir.
Nesta noite traio unha dor (ao final de contas, son moitas as dores que nos quitan a paz): a dor da situación que vivimos, da situación que viven tantos enfermos, da inquedanza das súas familias, da incerteza de moitas traballadoras e traballadores, de moitos pais e nais.
Traio preguntas de millares de nenas e nenos, universitarios, mestres e profesores…
Traio a soidade de tantos anciáns, de cantos coidan deles. Traio a cantos compoñen cada centro asistencial, sexa do ámbito que sexa.
É moita a humanidade que sofre e non desespera. É moita a humanidade esquecida, pero que continúa sendo protagonista desta historia divina.
Son moitas as dores que nos gustaría cambiar en festa por arte de maxia. Pero non, a vida non é película. A vida é loita, entrega, coidado, xenerosidade, desinterés. A vida componse de moit@s actores secundarios, do anonimato, do segundo plano…
Unha publicación que ten como protagonistas aos bispos: “Os bispos de España doan 6 millóns de € para o COVID-19”. Noticia para moitos crentes dun profundo orgullo e alegría, convírtese para moitos nun interrogante e crítica, ata un xuízo sen compaixón…
Estamos tan acostumados aos “bulos”, “fake news”… que a palabra “verdade”, “xenerosidade”, “caridade”… quedan en entredito.
Existe amor, cariño, entrega, desinterese, nobreza, altruismo… moito máis alá do que sae nas noticias e dos nosos prexuizos. Non só hoxe, senón cada día.
Non é momento de prexuizos, nin de opinións, nin de dúbidas. É momento de crer, de confiar, de agradecer co corazón emocionado, a cada unha das persoas, institucións, ONGs… que, no anonimato, sen cámaras nin micros, levantan a moitos das periferias da vida.
Queres coñecer a alguén? Achégate a el.
Queres amar a alguén? Dalle a confianza de abrir o corazón, tal e como é.
Queres coñecer a Igrexa? Achégate a ela.
Queres coñecer Cáritas? Achégate a ela.
Pero falemos pola experiencia.
Sen coñecer, xamais poderás amar.
É o momento de amar. Poñamos corazón neste mundo! Pensa por ti mesmo; coñezamos as cousas achegándonos a elas, vivíndoas, sentíndoas.
A vida é moito máis do que ven os nosos ollos. O Deus bondade tamén se manifesta no máis inimaxinable.
Se deixas de confiar, estarás dando a espalda ao amor.
Se deixas de confiar, non darás paso ao compromiso. A Igrexa es ti e eu. E seremos Igrexa alí onde, coma Xesús, se fagan as cousas con amor e se mire a realidade desde a compaixón e o corazón.
Feliz noite.
Mañá será para ti e para min unha nova oportunidade aberta ao ben e a felicidade.
X. Luis. V. C.