A reflexión de hoxe parte da lectura do Evanxeo do próximo domingo. En moitas ocasións, cando me achego ás lecturas do domingo para preparar a homilía, fágoo lendo primeiro o evanxeo, pois sempre é máis doado de comprender.
Co evanxeo de hoxe un queda en éxtase pensando: que bonito é isto que hoxe nos di Xesús!… amar, o amor aos demais.. é o único que importa, só amar… E aquí pódese quedar un todo o día pensado nisto, coma se non houbese nada máis bonito que o amor de verdade. Xa que, sen dúbida, o é.
Despois fun á primeira lectura. Na selección das lecturas para os domingos que fai a Igrexa, a primeira lectura e o evanxeo están, case sempre, na mesma liña. Este domingo non ía ser menos. O tema é o mesmo, pero as palabras parécense moi pouco.
Di a primeira lectura: «Non oprimirás nin aldraxarás ao forasteiro, porque forasteiros fostes vós en Exipto. Non explotarás a viúvas nin a orfos, porque, se os explotas e eles berran a min, eu escoitareinos…»
E o Evanxeo: «Amarás ao Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu ser.” Este mandamento é o principal e primeiro…»
Que pasa, entón?. Pois pasa o que di o refrán: obras son amores e non boas razóns. O amor, se queda só nun sentimento, é posible que non sexa amor.
Se nos conformamos coa sensación pracenteira que temos cando amamos quizais non fose a intención que estaba na mente de Xesucristo cando dixo estas palabras.
O amor concrétase en obras, e, posiblemente, canto máis nos doia unha obra, máis amor supoñerá.
Recordo o que contaba un sacerdote tras confesar. Puxéronlle de penitencia que dese unha esmola aos pobres. El preguntou canto tiña que ser. E o confesor díxolle “ata que che doia”.
Por suposto que haberá moitas obras que non nos doian, senón todo o contrario, e non por iso hai que rexeitalas. Son agasallos que nos fai Deus para compensar as veces en que amar aos demais suponnos moito esforzo ou é máis difícil.
Os que están casados ou viven en comunidade entenden á perfección as lecturas da misa do próximo domingo. A teoría é fácil e bonita. A práctica é outra cousa. Pero o resultado final compénsao todo.
Miguel Ángel Álvarez