Dous amores dos crentes lucenses e dous singulares símbolos eucarísticos

No cincuentenario da fundación da Adoración Nocturna Feminina de Lugo, dedícanse as seguintes liñas a tratar catro asuntos relacionados coa adoración eucarística.

1. O culto eucarístico na catedral de Lugo é un dos feitos máis honrosos e queridos para a Diocese. Os lucenses gloriámonos dese feito por facernos singulares en todo o orbe católico, no que esta cidade é coñecida co nome de “Cidade do Sacramento”.

2. A Virxe dos Ollos Grandes é outro dos grandes amores na alma do lucense crente. Por iso é polo que os adoradores nocturnos de cada noite sempre, ao terminar as longas horas en orante adoración ao Santísimo, retíranse en procesión pasando por diante da Virxe dos Ollos Grandes. Ante ela,  rézase a pregaria “Deus che salve, Raíña e Nai…”. Pregaria esta que, segundo a tradición, compúxoa San Pedro de Mezonzo, bispo de Santiago, nos últimos anos do século X.

Así como hai dous amores na alma do lucense crente (o Santísimo e a Virxe dos Ollos Grandes) tamén hai dous singulares símbolos eucarísticos.

3. A escultura da “Última Cea”. Está na porta norte da Catedral, faríase polo ano 1200 e representa a Última Cea de Xesús cos seus doce discípulos. Hai unha poética inscrición latina que di: “O discípulo do Señor en plácido descanso dos seus membros, recostado (no colo de Xesús) na cea viu as delicias celestes”.

Debernos aclarar que, desde cando esta escena foi esculpida, pasarían aínda, máis ou menos, uns 200 anos en ser permanente día e noite, esta exposición do Santísimo Sacramento. Pero si podemos ter por seguro, segundo a documentación da Catedral, que xa se daba un culto especial á divindade do Cristo eucarístico.

E igualmente agora debemos precisar que aquí, en cada noite, os adoradores e adoradoras da quenda que corresponde a esa noite, situados ao redor da mesa do altar, renovan aquela “Cea do Señor”. E, curiosamente, non poucas veces somos alí o mesmo número de comensais que na cea do Señor cos seus discípulos. E o que si é certo é que, despois de darnos o abrazo de paz, participamos realmente, como eles, do corpo e o sangue de Cristo baixo as dúas especies do pan e do viño.

4. Custodia situada no centro do retablo do altar maior da catedral. Ten forma de sol radiante coa representación da sagrada Hostia no seu aro central. Desde hai xa moitísimo tempo, é o principal símbolo heráldico do escudo da cidade de Lugo e tamén está presente no escudo da nosa Galicia, evocándoa como “Antigo Reino”.

Estas dúas preciosas xoias (escultura da Última Cea e custodia), figuran nos carteis nos que se anuncia o acontecemento diocesano do cincuentenario da fundación da ADORACIÓN NOCTURNA FEMININA de Lugo.

JAIME DELGADO GÓMEZ

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: