“Don Elías era un grandísimo namorado do Camiño, cuxas rutas estudara polo miúdo, e de xeito especial a que transcorría pola súa parroquia. Mesmo elaborou algunha das primeiras guías modernas, con textos, fotos e unha boa cartografía para auxiliar aos peregrinos, aínda que apenas puido editar dúas destas guías antes do seu prematuro falecemento en 1989. Valiña estaba convencido de que había que poñer fin ao abandono que a ruta xacobea padecera nas décadas previas e que o Camiño recobraría toda a súa vixencia. Por iso, tras recrutar a un bo grupo de voluntarios, decidiu sinalizar a ruta. A cuestión do como se resolveu coa típica casualidade (Providencia, vaia) que, sumada ao descaro do sacerdote, fai que as cousas sexan doadas cando detrás está Deus. A historia é sinxela: uns obreiros andaban arranxando unha estrada e tiñan excedentes de pintura amarela. Ao acabar a reparación do firme, don Elías adquiriu as sobras e, con esa pintura, empezou a facer frechas amarelas para indicar a ruta. Así de simple e así de complexo: nacera a frecha amarela.
“Pero, ollo, que don Elías non pensou no Camiño como lugar turístico, senón, ante todo, e como demostraron os congresos xacobeos nos que participou -especialmente o de Jaca de setembro de 1987-, como unha ruta espiritual, fraterna e, por tanto, humana. Nas actas daquel evento, nas conclusións, dise textualmente: «O Congreso considera a hospitalidade no Camiño como o seu trazo máis diferenciador, polo que a atención a este aspecto, estímase, debe ser máxima e preferente».
“Pasaron xa moitas décadas desde que empezou a fraguar este rexurdir da peregrinaxe a Compostela, e o certo é que todo o que sementaron estas persoas, católicas practicamente todas elas, deu o seu froito. Non vivimos para nós, senón para deixar un legado aos demais, aos que tiñamos que chegar. O Camiño é un bo momento para pensar globalmente, para reflexionar acerca de que estamos a deixar aos que veñen detrás, se vivimos para nós mesmos ou para o Señor, a través dos outros, como nos indica o mesmo Xesús.
“O Camiño é a herdanza de persoas como santo Domingo, san Juan de Ortega e Elías Valiña. Nin máis, nin menos. Persoas que se deixaron guiar polas inspiracións do Espírito Santo”.
Javier Peño Iglesias: El Camino de Santiago. Un encuentro con Dios, Ediciones Palabra, páxs. 108-110