Pregón da Semana Santa da cidade de Lugo

O mércores 10 de abril o Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo acolleu o pregón de Semana Santa da capital lucense. Trala actuación do Orfeón Lucense, interveu o doutor en Dereito Romano Federico Fernández de Buján Fernández, que se presentou como “testemuña de Cristo”, pois así se considera desde que recibiu o sacramento da confirmación. Federico Fernández comezou rememorando varios episodios da súa infancia, como cando participaba na procesión da Borriquita. A parte central do pregón foi a historia do proceso contra Xesucristo, o máis inicuo da historia da humanidade, pola cantidade de irregularidades procesuais. Nunha segunda parte o pregoeiro reflexionou sobre o intre de silencio de Xesús nese proceso e sobre a memoria histórica. Concluíu o pregón cunha pregaria poética que Federico Fernández aprendeu de labios da súa nai, cando a acompañaba todos os días a rezar á Virxe na súa Capela da Catedral de Lugo.

Delegación de Liturxia. Nota sobre o horario da Vixilia Pascual

77. Segundo unha antiquísima tradición, esta é unha noite de vela en honra do Señor, e a vixilia que ten lugar nela, conmemorando a noite santa na que o Señor resucitou, ha de considerarse como «a nai de todas as santas vixilias». Durante a vixilia, a Igrexa espera a resurrección do Señor e celébraa cos sacramentos da iniciación cristiá.

a) Significado do carácter nocturno da Vixilia pascual

78. «Toda a celebración da Vixilia pascual debe facerse durante a noite. Por iso non debe escollerse nin unha hora tan temperá que a Vixilia empece antes do inicio da noite, nin tan tardía que conclúa despois da alba do domingo». Esta regra ha de ser interpretada estritamente. Calquera abuso ou costume contrario que, introducido aos poucos e que supoña a celebración da Vixilia pascual á hora na cal, habitualmente, celébranse as Misas vespertinas antes dos domingos, ha de ser reprobado. As razóns presentadas ás veces para xustificar a anticipación da Vixilia pascual, por exemplo, a inseguridade pública, non se teñen en conta no caso da noite de Nadal ou de reunións doutro xénero.

[Da Carta circular da Congregación para o Culto Divino sobre a preparación e celebración das fiestas pascuais]

Concluíron os II Encontros de Pais

Desde o mes de novembro de 2018 o Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo e o Instituto da Familia de Ourense organizaron os II Encontros de Pais. Esta semana concluíron nas dúas localizacións onde houbo estes Encontros: Colexios Divino Mestre e Divina Pastora.

Durante estes meses tratáronse temas como: coidarse un mesmo para coidar á familia, comunicación en familia, acompañar aos fillos nas súas dificultades, familyfullnes (busca construír a familia, centrarse no positivo e mellorar lazos interpersoais), intelixencia espiritual, ciber trío (pais – fillos – móbiles).

Estes Encontros de Pais terán continuidade.

Presentación da Semana Santa da cidade de Lugo

O 4 de abril presentouse, na capela de san Froilán da Catedral de Lugo, o programa e cartel da Semana Santa, declarada de Interese Turístico Galego.

No acto de presentación interviñeron o Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo, a concelleira da área de Cultura, Turismo, Mocidade e Promoción da Lingua do Concello, Carmen Basadre, o deputado provincial responsable da área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación Provincial, Eduardo Vidal, o xefe territorial da Consellería de Presidencia da Xunta, Ramón Carballo e o coordinador da Xunta de Confrarías da cidade, Ramón Basanta.
Todos eles destacaron a importancia que ten a declaración de Interese Turístico Galego para a Semana Santa de Lugo e para a nosa cidade. Este recoñecemento, logrado grazas ao esforzo de todos os participantes na súa organización e ao apoio das administracións públicas, é a culminación de moitos anos de traballo para lograr situar á nosa Semana Santa como unha das máis singulares de Galicia.
O coordinador da Xunta de Confrarías, Ramón Basanta, fixo un percorrido polos actos que terán lugar esta Semana Santa, destacando a novidade no Vía Crucis, o venres 12 de abril, coa representación do auto da Paixón polas parroquias de Antas de Ulla e San Miguel de Esporiz. E que este ano, de novo, na procesión do Martes Santo terá lugar, á altura do convento franciscano, o acto do “Encontro de María con Xesús camiño ao Calvario”. O Exército de Terra que acompaña a esta procesión entoará un cántico propio do momento.

O carte, do fotógrafo Eduardo Ochoa, é tamén a portada do Programa.

[Ver Programa]

Sorprendido pola Adoración Eucarística

Unha das poucas cousas que fixen como párroco da Fonsagrada foi a Adoración Eucarística dos xoves despois da Misa. Desde que empezamos xa van 19 meses. Cada semana xuntámonos algo máis de 15 persoas para rezar ante o Santísimo Sacramento.
Creo que só o interrompemos nunhas 4 ocasións: unha pola neve e as outras por ocupacións miñas.
Desde hai 7 meses, o último xoves de cada mes, este tempo de adoración é un pouco máis prolongado e facémolo unidos á Adoración Nocturna Española.
Seguen pasando as semanas e cada xoves sígome sorprendendo de como os fieis aproveitan este tempo e como se van incorporando persoas novas. Moitos días descúbrome contemplando máis o rostro dos adoradores que a propia custodia, na que expoñemos ao Señor. Á xente non se lle fai longa a media hora de adoración, nin a hora do último xoves. Non se oe nin unha tose, ninguén sae antes de terminar e hai un silencio absoluto. A este tempo únese o do Santo Rosario e a Misa, polo que, como mínimo, estamos na igrexa dúas horas e cuarto.
Aquí cúmprese o de santa Teresa «só Deus basta». Ás veces preparo unha folla con algunha oración ou texto que lles poida axudar para a oración, pero apenas a utilizan durante este tempo. Abóndalles mirar ao Señor e deixarse mirar por El.   Sorprendido, digo. Pensei que ía ser cousa de poucos días, pero isto segue funcionando e non vai a menos. Cousas do Señor e proba da súa existencia.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

A %d blogueros les gusta esto: