Oscar González Murado, autor de “Lecturas y lectores de la Biblioteca Pública Episcopal de Lugo”

Oscar González Murado, na presentación do seu libro Lecturas y lectores de la Biblioteca Pública Episcopal de Lugo (1771-1835) o pasado 12 de marzo comentou o proceso que desembocou una nova publicación:

“A Biblioteca Pública Episcopal era unha biblioteca pública da coroa feita con libros que non eran dela. Destinábanse a ela os libros dos bispos que ou ben morrían na diocese ou ben pasaban a outra como era o caso de Armañá (pasou á arquidiocese de Tarragona). Facíanse bibliotecas entón, con libros prestados, e a coroa era quen, previa presentación dunha terna, nomeaba o bibliotecario.

“O certo é que quixen continuar para ver rematada aquel traballo de humanidades, pero nun novo destino, Roma. En Roma sería onde se percibía un novo candor que en Galicia non o había, o gusto polo cuidado do patrimonio e, sobre todo, no meu caso, polo patrimonio librario.

“Retomei o tema no ano 2008 da man dun mercedario, o profesor Stéfano de Fraia, redentor de cautivos, que me transformou a min tamén nun redentor de cautivos, pero estes cautivos eran de papel, pergamiño e pasta española.

“Porque, ao final, un catalogador que se precie é aquel que tomando medidas, describindo gravados, desempolva artefactos que noutrora tiñan un sentido e que agora, pola longa distancia, a simple vista non se pode percibir”.

Gonzalo Francisco Fernández Suárez fixo a presentación do libro de Óscar G. Murado

Na presentación do libro de Óscar González Murado Lecturas y lectores de la Biblioteca Pública Episcopal de Lugo (1771-1835) o pasado 12 de marzo, interveu o decano da Facultade de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela, Gonzalo Francisco Fernández Suárez. Fixo as seguintes consideracións:

“Se algo está presente neste traballo, é Lugo, que aparece ao longo de todas as páxinas como o inicio de cada novo capítulo, de cada novo apartado. E iso ao meu ver que ten un dobre significado. O autor deixa ben palpable de onde vén o profundo amor ao espazo no que discurriu boa parte da súa actividade formativa e a experiencia de vida persoal. Pero también grazas a ese discurrir, vainos introducindo cunha grandísima mestría no relato da obra, do que resulta que é unha lectura moi doada e amena no senso de que busca ser unha lectura accesible ao público, sexa experto ou non”.

Tamén destacou “o valiosísimo aparato gráfico e táboas dos riquísimos inventarios e catálogos que se achegan nesta obra e que estou seguro que van a facer as delicias de moitos investigadores e investigadoras interesados no mundo das bibliotecas.

Finalmente valorou a obra de Óscar González Murado como “un auténtico revulsivo, un punto de inflexión importante dentro desta temática e, polo tanto, un referente inexcusable”.

Novena de preparación para o Corpiño pequeno

No santuario do Corpiño celébrase o 25 de marzo a Festa de Inverno ou Corpiño pequeño, e como preparación haberá unha Novena a partir do 17 de marzo, día no que tamén se celebra o Xubileu dos país. E o día de San Xosé, o martes 19, será o Xubileu dos seminaristas.

Horario dos xubileus

Ás 11h saída do Santuario para realizar o “Camiño dos Pastorciños”.

Á 11,30 chegada á igrexa de S. Pedro de Losón e a continuación rezo do Santo Rosario.

Á 11,50 chegada á Carballeira do Santuario.

Bendición do Peregrino.

Entrada pola Porta Santa.

Celebración da Santa Misa Solemne.

Horario da Novena: todos os días ás 6:00 da tarde. (Domingos 12:00 da mañá e 6:00 da tarde)

Javier Diéguez participou na presentación do libro “Lecturas y Lectores de la Biblioteca Pública Episcopal de Lugo (1771-1835)” de Óscar González Murado

O 12 de marzo presentouse o libro “Lecturas y Lectores de la Biblioteca Pública Episcopal de Lugo (1771-1835)” de Óscar González Murado. O director de Publicacións Diocese de Lugo, Javier Diéguez, fixo as seguintes consideracións:

“Case 2500 páxinas. É moito contido, moita información, moito traballo editorial e tamén moitos datos que, sen lugar a dúbidas, quedaran aí para a posteridade, para uso de outros posibles investigadores.

“Estes libros, transmiten información importante para a diocese de Lugo. Coñecer a súa longa  historia, valorala, compartila na nosa sociedade é imprescindible. Se non sabemos de onde vimos, non sabemos quen somos, dificilmente seremos quen de construir o noso futuro. Por iso ten sentido o traballo que fixo Oscar González Murado para chegar aquí.

“Estes libros abordan a época ilustrada, rica e creativa. O papel da Igrexa nesta época probablemente non foi fácil, pero houbo persoas con iniciativas valiosas e xenerosas que nos transmitiron a nosa riqueza da que se fala na obra. Por iso, este libro achega un gran de area á nosa propia identidade como Igrexa, e permite saber situarnos no medio do mundo, da sociedade e da cultura para facer unha aportación vital. Se somos quen de aceptar a interpelación que nos plantexe a súa lectura, seremos quen de aportar tamén o mellor de nós para construir esa sociedad e esa cultura, o noso futuro. Todo isto é posible grazas ao traballo riguroso de Óscar González Murado”.

D. Alfonso Carrasco presidiu a presentación do libro “Lecturas y Lectores de la Biblioteca Pública Episcopal de Lugo (1771-1835)” de Óscar González Murado

O 12 de marzo presentouse o libro “Lecturas y Lectores de la Biblioteca Pública Episcopal de Lugo (1771-1835)” de Óscar González Murado, nun acto presidido por D. Alfonso Carrasco Rouco, que fixo as seguintes apreciacións sobre o autor:

“Aventurarse a un traballo destas dimensións fala ben de don Óscar. Foron anos, foi paciencia, moito esforzo, e penso que ten mérito. Agrádame facer este eloxio. E facéndoo, tamén facemos un eloxio da súa formación, do Seminario de onde vén, dos nosos sacerdotes lucenses. Hai unha historia grande de investigadores que examinaron o pasado. Sería para todos unha ledicia, un ben, que don Óscar, pouco a pouco, se convertese nun bo continuador daqueles grandes historiadores que levaron adiante un traballo de memoria desta diocese, nos nosos arquivos… Non podemos presentar unha tese sen dicir: “hai unha vida intelectual grande”. Nós temos que estar contentos non só por don Óscar, senón porque continúe unha tradición intelectual e unha vida intelectual grande”.

E sobre o contido da obra, D. Alfonso Carrasco, sinalou, entre outros aspectos, que “temos unha foto do que preocupaba na época do bispo Armañá, de como era a biblioteca, pero sobre todo, en realidade, entrevemos as preocupacións, as loitas do corazón e da alma daquel momento”.

 

A %d blogueros les gusta esto: