Presentación da Xuventude Obreira Cristiá

Tres membros do Secretariado Xeral da Xuventude Obreira Cristiá estiveron o pasado 31 de maio na igrexa San Antonio de Padua (Lugo). Por medios de dinámicas como a do termómetro, presentouse a campaña Relacionarte sobre como a mocidade se relaciona entre si en distintos ambientes. Esta campaña segue 3 pasos -ver, xulgar e actuar-, dos que concluíu o primeiro e agora, no xulgar trátase de comprobar como a Xuventude Obreira Católica pode dar respostas, à luz do Evanxeo, a cuestións que presenta a realidade obreira actual.

 Tamén se informou de que entre o 15 e o 21 de xullo haberá en Candelera (Ávila) un campamento de verán para rapaces maiores de 14 anos. Máis información no teléfono 915 215 433.

O Centro Eucarístico Lucense presenta unha nova identidade corporativa

Con motivo da celebración este ano dos 350 anos da Ofrenda de Galicia ao Santísimo, o Centro Eucarístico Lucense presenta unha nova identidade corporativa que engloba o significado e historia do privilexio da Adoración Eucarística na catedral de Lugo e todos os actos previstos para a súa celebración

Identidade corporativa MYSTERIUM FIDEI.

A identidade corporativa constitúe de seu, unha oportunidade excepcional para a explicación do Misterio de Fe, todo iso a través do simbolismo e os códigos de deseño que imperan na actualidade.

Tamén se busca difundir o privilexio da adoración permanente do Santísimo no Altar Maior da Catedral de Lugo. Este feito propiciou que, xa hai 350 anos, as cidades do antigo Reino de Galicia acordasen a celebración da Ofrenda.

Conforme ás escrituras de Novo Testamento, o misterio é unha verdade revelada que, pola súa mesma natureza, está por riba da intelixencia finita e debe ser obxecto de fe. A gráfica pretende plasmar a Verdade revelada do misterio de Fe. Na imaxe, a presenza do círculo remítenos á Eucaristía. No universo de marca, o uso das imaxes do Altar Maior personalizan a experiencia adoradora á vez que serven de difusión do valor cultural e artístico da Catedral lucense.

A tipografía xoga tamén un papel fundamental na identidade corporativa. No formal, o xogo tipográfico achega un carácter vangardista e moderno que sitúa a marca como símbolo de renovación dos códigos de comunicación da Diocese de Lugo.

Actividades

Comezaron o un de marzo coa celebración da efeméride da instauración da Ofrenda, e coas Xornadas de Estudos Históricos, en torno á orixe da exposición permanente e a Ofrenda do Reino de Galicia.

Entre os actos programados están o concurso de fotografía e poesía e microrrelato, o Festival Internacional de Órgano e a Noite Coral. [Información destas actividades]. 

Colección Diplomática Altomedieval de Galicia II

Acaba de publicarse a segunda parte de Colección Diplomática Altomedieval de Galicia. Os dous tomos desta obra recollen máis de cen documentos da Catedral de Lugo en escritura visigótica. Tamén se publican documentos de varios mosteiros: Samos, Meira…

A transcrición, edición e índices (de lugares e persoas) corre a cargo de Ainoa Castro Correa e Manuel Rodríguez Sánchez.

Entre os documentos figura o testamento do bispo Odoario, que chegara de África coas súas xentes trala invasión musulmá, «restaura» e «repoboa» a cidade e Diocese de Lugo fundando e doando («pro remedio animae») a esta sede as igrexas de Santiago de Meilán, Santa Eulalia de Mazoi e San Xillao de Bocamaos ademais de fundar varias vilas.

V Certame literario de poesía eucarística e microrrelato

O Centro Eucarístico Lucense convoca o certame literario de temática eucarística, preferiblemente vencellada coa adoración eucarística en Lugo.

Ademais da modalidade de poesía das primeiras catro edicións, agora inclúese unha nova modalidade: microrrelato, con textos en galego ou castelán dunha extensión máxima de 250 palabras e mínima de 100.

Poden presentarse creacións literarias ata o día 1 de xuño.

[Bases]

Festa de San Pascual Bailón

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras, celebra a Igrexa a festividade de San Pascual Bailón, e con tal motivo o Consello Diocesano da Adoración Nocturna organiza os seguintes actos para honrar ao seu patrón:

Ás 13:30 horas, Eucaristía no altar do Bo Xesús da Catedral e, seguidamente, comida de irmandade.

A estes actos o Consello Diocesano da Adoración Nocturna Española convida a participar a todos os adoradores/as da Sección Diocesana, e aos compoñentes das asociacións que comparten este padroado: Adoración Nocturna Feminina, A.R.P.U., Confraría Sacramental, Marías dos Sagrarios e Apostolado da Oración.

A %d blogueros les gusta esto: