Segunda cita do Festival internacional de órgano do Corpus

O martes 11 de xuño ás 20:30 h na Catedral de Sta. María terá lugar o segundo concerto do Festival internacional de órgano do Corpus Christi de Lugo. Intervirán dous organistas italianos, Fabio Ciofini e Giulio Mercati, que interpretarán as seguintes pezas:

  • Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791)

Sinfonía n. 40 en sol menor, K 550

Allegro molto, Andante, Menuetto, Allegro

assai

  • Francisco Olivares (1778-1854)

Verso de 8º tono para dous órganos

  • Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791)

Eine kleine Nachtmusik, K 525

Allegro, Romanze, Menuetto, Rondo

Presentación dun novo número da revista Lvcensia

A Biblioteca do Seminario presenta o número 58 da revista Lvcensia o 10 de xuño ás 18:30 na aula Magna do Seminario Diocesano. O acto estará presidido polo Sr. Bispo don Alfonso Carrasco, o director da revista Gonzalo Fraga e intervirá o doutor en Historia pola Universidade de Santiago Gonzalo Francisco Fernández Suárez, que disertará sobre a Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo na Idade Moderna.

Ademais deste artigo, Lvcensia ofrece neste número outros temas de interese como a historia da primeira Biblioteca Pública na provincia; as pinturas murais, inscricións e obras de restauración na igrexa de Vilar de Donas; a arquitectura popular urbana de Monforte de Lemos; testamentos de bispos da Diocese de Lugo: Fernando de Vellosillo (s. XVI), Juan Bravo (s. XVII) e Lucas Bustos (s. XVIII); artigos sobre toponimia e como peche unha selección de poesía eucarística. Como texto preséntase a transcrición dalgúns fragmentos do Tombo de Meira do ano 1616 para celebrar a fundación do Mosteiro.

Institución como lectores e acólitos de Samuel Meca e Guillermo Carrillo

O venres 7 de xuño ás 19:30 h na Parroquia A Milagrosa de Lugo terá lugar a institución como lectores e acólitos de Samuel Meca e Guillermo Carrillo. Os dous son seminaristas do Seminario misioneiro Redemptoris Mater, unha entidade que leva en Lugo desde 2017 e que se caracteriza pola súa dimensión á vez diocesana e misioneira. Ao terminar o seu itinerario formativo incardinaranse como sacerdotes da diocese de Lugo.

Samuel Meca López é orixinario de Lorca (Murcia), ten 25 anos. Ao dezaoito anos, foi enviado ao Seminario Redemptoris Mater de Roma e desde alí foi designado para comezar este novo Seminario en Lugo.

Guillermo Antonio Carrillo Vargas provén de Costa Rica e ten 30 anos. Comezou a súa formación aos vinte e dous anos, no Seminario Redemptoris Mater de Madrid, antes de ser enviado a Lugo.

Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar

Coincidindo coa gran festa do Espírito Santo, Pentecoste, (9 de xuño) celébrase tamén unha xornada especial para os segrares. A Delegación de Apostolado Segrar programa as actividades seguintes:

– Venres 7 de xuño: conferencia Congreso “Pobo de Deus en saída”, por Alfredo Losada, relator do Congreso de Laicos, ás 20:00 h no Seminario.

– Sábado 8 de xuño: Asemblea Diocesana de Laicos ás 17:30 h parroquia de San Francisco Xavier. A continuación Vixilia de Pentecoste.

Na Asemblea traballarase sobre o Congreso de Laicos, vendo como se desenvolve o pre-congreso nas parroquias e movementos, como se vive a sinodalidade desde cada parroquia e movemento, sobre os froitos que se poden ofrecer nesta etapa do pre-congreso. Tamén se prepara unha asemblea en outono.

VI Festival internacional de órgano do Corpus Christi de Lugo

O martes 4 de xuño ás 20:30 h na igrexa de San Pedro (Lugo) comeza o VI Festival internacional de órgano do Corpus Christi de Lugo coa intervención da Orquestra Vigo 430 baixo a dirección de Isabel Rubio Molina, e Giulio Mercati (Italia) ao órgano.

O concerto ábrese cunha composición de Edward Elgar, Serenata para cordas, op. 20 obra na que se aprecia unha refinada vena melódica e un equilibrio nas formas.

Seguirá o Concerto en sol menor para órgano, cordas e timbais, que é unha obra representativa do repertorio de órgano do século XX, neste caso de Francis Poulenc. Resaltan todos os recursos expresivos do órgano con pasaxes extremadamente delicadas e momentos de grande elocuencia.

Tamén se poderá escoitar o Adagio para cordas é certamente a composición máis coñecida de Samuel Barber, compositor estadounidense, que morreu en Nova York en 1981. Trátase do movemento lento do Cuarteto n. 1,

Este primeiro concerto do Festival internacional de órgano do Corpus Christi remata con outra peza de Samuel Barber, a Toccata Festiva, peza que adopta a estrutura típica do primeiro movemento dun concerto romántico, desde a introdución pianística ata a cadencia final, de virtuosismo exasperado dedicado só ao pedal do órgano.

Este Festival enmárcase no Ciclo europeo de concertos de órgano Lugano—Lugo—Milán—Morbio Inferiore—Saronno “A música do peregrino”.

[Programa completo do Festival]

A %d blogueros les gusta esto: