Clausura do curso pastoral 2018-2019

O Encontro diocesano de clausura do curso pastoral 2018 – 2019, será o venres 21 de xuño no Santuario do Cebreiro. É un encontro-convivencia para sacerdotes, relixiosos, consagrados e fieis laicos. Trátase de xuntarse para agradecer a Deus por este curso pastoral, ademais de ser unha boa ocasión para verse, compartir experiencias, rezar e comer xuntos. Preside o encontro o Sr. Bispo.

Às 9:30 h. da mañá sae un autobús da Praza Bretaña (Lugo). É necesario anotarse para a comida (15 €) e para o desprazamento en autobús (10 €). A inscrición faise chamando polas tardes ao teléfono 982 214 265 antes do 19 de xuño.

O encontro desenvolverase do seguinte xeito:

11:15 h: Acollida – oración

11:30 h: Reflexión: “Fiesta del Corpus Christi: Exaltación de una presencia”. Dirixe: Rvdo. D. Emili Villegas Artacho, sacerdote e membro da Delegación de Pastoral Sacramental e Liturxia do Bispado D’Urgell.

12:30 h: Descanso

13:00 h: Información sobre a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo.

13:15 h: Celebración da Santa Misa

14:15 h: Xantar

16:30 h: Oración mariana

17:00 h: Remate do encontro

Novena na honra da Virxe do Corpiño Coroada

A novena á Virxe do Corpiño Coroada é desde o sábado 15 de xuño até o domingo 23 ás 12 h e ás 18 h. O día 15 estará dedicada aos nenos e novos, o 16 á familia, o matrimonio e a vida, o 17 ao canto con bendición aos instrumentos do Coro Nosa Señora do Corpiño, o 18 a Cáritas coa achega dun quilo de alimentos non perecedoiro por parte dos devotos, o 19 ao traballo e os traballadores, o 20 á oración con exposición do Santísimo, o 21 aos defuntos con petición polos reitores, confrades e devotos xa falecidos, o 22 ás persoas maiores e os enfermos, e o 23 a Novena concluirá cunha dedicatoria para os peregrinos, devotos e seguidores das redes sociais. No santuario confíase en incrementar este ano o número de participantes neste exercicio de devoción.

Xornada Pro Orantibus

Coa solemnidade de Pentecoste o domingo pasado puñamos fin á cincuentena pascual, na que celebramos solemnemente a resurrección de Xesucristo e a nosa esperanza de tamén resucitar un día con el.
Agora volvemos ao tempo ordinario, pero facémolo dunha forma progresiva, pois este domingo e o próximo imos ter dúas celebracións especiais: a Santísima Trindade e o Corpus Christi.
O misterio da Santísima Trindade, que celebraremos este domingo, ponnos fronte a fronte coa grandeza infinita de Deus. A realidade dun só Deus e tres persoas verdadeiras faise incomprensible para nós e lémbranos que nós estamos moi lonxe de ser deuses, a pesar de que moitas veces nolo creamos pola nosa vaidade.
Neste día maniféstase que non somos nada, pero que Deus, a pesar da súa absoluta inmensidade, está moi preto de nós, quérenos con esa mesma grandeza e está disposto a habitar dentro de cada un a pesar de nosa pequeñez.

O domingo da Santísima Trindade tamén se celebra na Igrexa a Xornada Pro Orantibus. É un día para acordarnos dos monxes e monxas de clausura que dedican a súa vida dun modo particular á oración e á contemplación. Para que nos entendamos, trátase de que por un día recemos polos que todos os días do ano rezan por nós. O lema deste ano, «A vida contemplativa. Corazón orante e misioneiro», vén determinado polo mes misioneiro extraordinario, que o Papa convocou para outubro. Aínda que non sexamos conscientes diso, estamos moi obrigados cos contemplativos por todo o que eles nos achegan coas súas tantas horas de oración e silencio dentro dos muros dos seus mosteiros.

Miguel Ángel Álvarez

[Texto original en castellano]

O sábado 15 xuño as comunidades relixiosas da Diocese de Lugo celebran a Vixilia “Pro Orantibus” en Monforte de Lemos coas M.M. Clarisas – Mosteiro da Purísima Concepción.

Presentación do número 58 da revista Lvcensia

A Biblioteca do Seminario presentou o número 58 da revista Lvcensia o 10 de xuño na aula Magna do Seminario Diocesano. No acto, presidido polo Sr. Bispo don Alfonso Carrasco, interveu o doutor en Historia Gonzalo Francisco Fernández Suárez. Sobre o significado da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo, sinalou que é a última e máis senlleira mostra do personalismo do Reino de Galicia, sendo a súa Xunta unha especie de Parlamento rexional, órgano de interlocución entre o propio Reino e o monarca.

O 1 de marzo de 1669 fixáronse unhas condicións que se debían ter en conta con respecto ao donativo achegado polo Reino. E Gonzalo Francisco destaca dúas: 1) a Catedral lucense adquirirá unha renda fixa e suplirá unha posible merma da devandita renda; 2) durante o ofertorio no sexto domingo previo á festividade do Corpus o rexedor máis antigo do Concello de Lugo depositará en mans do señor Bispo o ofrecemento dos 1.500 ducados.

Portada e sumario do número 58 da revista Lvcensia

Conferencia sobre o Congreso de laicos “Pobo de Deus en Saída”

O 7 de xuño o Seminario acolleu a conferencia: Congreso de laicos “Pobo de Deus en Saída”, a cargo de Alfredo Losada, relator do Congreso de Laicos, e que lembrou os obxectivos do mesmo:

– Vocación bautismal do laicado para a misión

– Dimensión socio-política da fe

– Vivir a misión con alegría e esperanza

– Comuñón para a acción misioneira

– Igrexa de “discípulos misioneiros” na Igrexa e no mundo

Tamén explicou Alfredo Losada as 3 etapas que hai:

Na 1ª etapa (Pre-Congreso), a Delegación Diocesana de Apostolado Segrar sintetizará os traballos que se están levando a cabo en movementos, parroquias… Esta fase rematará nun Encontro diocesano en outono. Coas achegas das dioceses elaborarase un Instrumentum Laboris.

A 2ª etapa será o Congreso de Laicos, que se celebrará entre o 14 e o 16 de febreiro de 2020, en Madrid. O venres 14 dase a coñecer o relatorio de saída, que recolle todo o traballo previo. O sábado preséntanse experiencias e trabállase en 80 grupos. Para isto cada participante anótase en dous dos catro itinerarios fundamentais: Primeiro Anuncio, Acompañamento, Procesos Formativos e Presenza na Vida Pública. O domingo será o día do relatorio da misión, que recolle o traballado o día anterior.

Nunha 3ª etapa (Pos-Congreso) daranse pasos para cambiar a realidade do laicado, avanzarase en liñas que marquen o discernimento pastoral, definiranse liñas pastorais orientadoras para o laicado, actualizarase o documento “Cristiáns Laicos, Igrexa no mundo”.

A %d blogueros les gusta esto: