Experiencia gastronómica “Viño e algo +”

Viño e algo + é unha iniciativa conxunta da Diocese de Lugo e un grupo de destacados hostaleiros lucenses para celebrar os 350 anos da Ofrenda do Reino de Galicia.

Desde o 25 ao 30 de xuño dez locais de hostalaría (A Nosa Terra, Paprica, Canedo, Consulado, Cachivaches, Campos, Casa Paco, Fiordilatte, Restaurante España, Vinissi) ofrecerán un viño de denominación de orixe Ribeira Sacra e unha tapa ou unha especialidade da casa. Os consumidores recibirán unha tarxeta con datos históricos/curiosidades referentes ao devandito acontecemento e á Catedral. Porque do que se trata é de promocionar a singularidade da Catedral lucense, así como toda a súa riqueza e importancia tanto relixiosa como artística e cultural.

O Centro Eucarístico Lucense, o cabido da Catedral e a Diocese de Lugo desexan destacar que a aparición do cristianismo supuxo un empuxe extraordinario para a propagación e o desenvolvemento do cultivo dos viñedos da Ribeira Sacra. Coa elección dos viños desta denominación únense tamén á proposta de candidatura para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade, como o é desde 2015 a Basílica de Lugo.

A necesidade do viño para a consagración e a celebración da Santa Misa, fixo que as primeiras comunidades cristiás e os primeiros Padres da Igrexa fomentasen a súa produción. Deste xeito, o pan e o viño para o cristianismo non son uns meros produtos. O “tomade e comede” e “tomade e bebede” de Xesucristo na Última Cea convérteos en algo máis que símbolos, de feito, son mediación para a Presenza Real na Eucaristía.

Curso de música litúrxica do Corpus Christi

Está organizado pola Delegación de Liturxia de Diocese de Lugo e polo Centro Eucarístico Lucense, que nos últimos seis anos vén desenvolvendo, entre as súas múltiples actividades, o Festival Internacional de Órgano do Corpus Christi de Lugo, ciclo que ten como principal obxectivo realzar a través da música para órgano a Solemnidade do Corpus Christi, festa por antonomasia da Cidade de Lugo, a Cidade do Sacramento.

Realízase este curso coa intención de contribuír á formación musical e litúrxica daqueles músicos que realizan distintas funcións no ámbito da música sacra: directores de formacións vocais, organistas, cantores, monitores, etc.

Despois do notable éxito da primeira edición da Noite Coral nesta cuarta edición haberá o 6 de xullo a II Noite Coral Lucense, coa que se desexa conectar o Curso de Música coa cidadanía. Trátase dun circuíto nocturno de concertos polos templos da cidade e un concerto final no claustro da Catedral.

[Información e inscrición]

Celebracións no santuario do Corpiño

Domingo 23 de xuño SOLEMNIDADE DO CORPUS CHRISTI (Non haberá procesión coa imaxe da Virxe do Corpiño. Trasládase ao próximo domingo, o 30 de xuño) Durante todo o día: “Trae unha flor á Virxe”. As flores achegadas polos devotos colocaranse na imaxe da Virxe elaborada en madeira e de máis de 2 metros de altura.

– Misas desde as 9 h da mañá.

– Misa Solemne ás 12 h cantada polo coro Nosa Señora do Corpiño.

– Procesión co Santísimo coa participación das parroquias da contorna.

– Pola tarde, misa ás 6 h.

– Ás 10:30 h da noite, Santa Misa e Procesión dos Fachos acompañando á Virxe María do Corpiño.

– Gran tirada de fogos artificiais.

Luns 24 de xuño.

ROMARÍA DA BENAVENTURADA VIRXE MARIA DO CORPIÑO COROADA

– Misas desde as 9 h da mañá

– Ás 11 h Misa dos enfermos.

– Ás 12 h Santa Misa Solemne presidida polo Sr. Bispo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco e cantada polo Coro Nosa Señora do Corpiño.

– Á 1 h gran petalada. Procesión e ofrenda-baile á Virxe.

– Pola tarde, misas ás 5 e 6 h.

Domingo 30 de xuño

2° DÍA DA ROMARÍA Á VIRXE

– Misas desde as 9 h da mañá

– Ás 11 h Misa dos enfermos.

– Ás 12 h Santa Misa Solemne cantada polo Coro Nosa Señora do Corpiño.

– Á 1 h gran petalada. Procesión e ofrenda-baile á Virxe.

– Pola tarde, misas ás 5 e 6 h

Premiados no V Certame de poesía eucarística e no Concurso de fotografía

O xurado do V Certame de poesía eucarística organizado polo Centro Eucarístico Lucense (LEC) fallou o seguinte:

A) Categoría adultos

1º Premio: 500 € e a publicación da obra ao “Cántico Eucarístico”, de Carlos Pérez Sánchez

2º Premio: 250 € e a publicación da obra, ao poema “Alegoría Eucarística”, de Feliciano Ramos Navarro

B) Categoría infantil

1º Premio: 200 € en libros/material escolar e a publicación da obra ao poema “O Corpus Lucense”, de Carmen Daporta Cendán

2º Premio: 100 € en libros/material escolar e a publicación da obra ao poema “Santísimo Sacramento de Lugo”, de Isabel Caeiro Mariño

Na modalidade “MIcrorrelato” e na categoría xuvenil de poesía o xurado considerou que quedasen desertas.

Premiados no VI Concurso de Fotografía “Eucaristía e Patrimonio Relixioso en Lugo”

Apartado Patrimonio Relixioso

1º premio (750 € e diploma): Miguel Rodríguez Sánchez.

2º premio (400 € e diploma): Óscar Abelleira Ferreirós.

Apartado Eucaristía en Lugo

1º premio, (750 € e diploma): Gerardo Lozano Méndez.

2º premio, (400 € e diploma): L. R. Ferreiro.

Accésit a Ana Criado Sánchez

Os premios entregaranse o sábado, 22 de xuño, ás 12.30 h no bispado de Lugo.

Concerto na Catedral de Lugo do organista Sergio Orabona

O martes 18 de xuño ás 20.45 h na S I Catedral Basílica lucense hai un concerto de órgano a cargo do organista nacido en Nápoles Sergio Orabona. Forma parte do Festival internacional de órgano do Corpus Christi de Lugo.

O programa ábrese co Passacaglia BWV 582 de Johann Sebastian Bach, obra colosal e sublime que non ten equivalente na música de Bach nin nos autores anteriores; a peza está construída como unha serie de 20 variacións sobre baixo ostinato. O resto do programa dedícase case por completo ao repertorio francés entre os séculos XIX e XX: Alexandre Guilmant, Louis James Lefébure-Wély, Claude Debussy…

A %d blogueros les gusta esto: